“Agora Galiza”, lema da campaña do BNG para as eleccións Xerais do 28 de abril

Presentación campaña

Galeguizar a campaña electoral e apostar por ter voz propia no Congreso, obxectivos do BNG nunha campaña de proximidade e man tendida ás persoas que queren sumar para que Galiza non permaneza ausente dos debates do Estado

O secretario de comunicación, Xavier Campos e a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil presentaron hoxe as liñas e imaxe da campaña aos comicios Xerais  do 28 de Abril baixo o lema, “AGORA GALIZA”.

Ao igual que en anteriores campañas, afirmou o secretario de comunicación, o BNG manterá un “ton positivo, audaz e atrevido”  pero sobre transmitindo   que  o BNG está nun momento  “de plena remontada”, que suma, avanza e aglutina cada día a  máis persoas.

Unha campaña, engadiu, deseñada en tres aspectos: “Un BNG de tempo novo que medra nas expectativas electorais, a constatación de moitos galegos e galegas que nestes últimos tres anos botaron de menos que Galiza tivese voz propia nos debates do estado e o valor dobre do voto ao  BNG que  garante esa voz propia sen intermediarios nin submisións a ningunha forza estatal e con lealdade só a sociedade galega.” Nun escenario sen maiorías absolutas, o BNG impulsará políticas de esquerdas e unha maioría progresista contra a involución democrática. O BNG defenderá medidas que non se levaron a cabo nos últimos anos  polo goberno do PSOE co apoio de Podemos e En Marea, como a derrogación da LONCE ou a reforma laboral.

A nosa campaña, manifestou Campos pretende “galeguizar a campaña electoral” porque hai moita xente  “farta do ruído español” e de escoitar falar da reconquista de España. Os galegos e galegas, explicou, queren escoitar alternativas aos problemas da sanidade pública polos recortes de Feixóo, os empregos en risco de Alcoa, Poligal  ou Ferroatlántica, a estafa da AP-9 ou un sistema ferroviario do século XIX. Destes problemas, recalcou, falará o BNG.

SIN RESPOSTA DE FEIXÓO AO DEBATE CON ANA PONTÓN

O secretario de comunicación  lembrou que o BNG formulou unha proposta ao resto das forzas políticas e a  TVG para celebrar un debate sobre as cuestións que preocupan a todos os galegos e galegas, un debate, dixo Campos, como o que tivo lugar no ano 2008 cos líderes das forzas con representación parlamentaria. A día de hoxe, afirmou, “Feixóo aínda non se pronunciou” e  dende o BNG queremos dicirlle que “non se esconda e debata con Ana Pontón” porque si non o fai debe explicar porque foi posible no 2008 cando era o portavoz da oposición e solicitou un debate que si se celebrou e agora non se atreve.

CAMPAÑA ELECTORAL INCLUSIVA

Por outra banda, o responsable de comunicación fixo fincapé na intención do BNG de dirixirse a todas esas persoas que coma nós,  “viven e senten que é necesario un cambio político.” Neste sentido, recalcou que o BNG  ten  “a man tendida e os brazos abertos” para acoller a todas esas persoas que queiran sumar para que o 28 de Abril, Galiza conte cunha voz propia en Madrid co Bloque Nacionalista Galego.

Pola súa parte, a viceportavoz e membro da Área de comunicación do BNG, Olalla Rodil avanzou que a campaña nacionalista terá unha importante presenza nas redes sociais cunha mensaxe clara: “O BNG suma por Galiza e representa un proxecto político serio e con alternativas reais”.

Rodil salientou que será unha campaña “intensa, de proximidade e con gran protagonismo dos e das cabezas de lista así como da portavoz nacional, Ana Pontón”.

Na liña do secretario de comunicación, Rodil destacou que “Galiza é capaz e ten potencial”, potencial tamén creador polo que a campaña contará co apoio de persoas vinculadas aos ámbitos creativo e artístico.  É unha campaña “colorista, alegre, positiva” e que estará centrada nas cuestións que preocupan aos galegos e galegas, concluíu.