Admitido a trámite, só cos votos do PP, o proxecto de lei de medidas urxentes á Lei de Reforma local
Tereixa Paz denuncia que a nova lei provoca a desaparición de servizos públicos e sociais dos concellos privatizándoos e tenta o control político do Partido popular nas administracións
Pleno.- A deputada do BNG, respondeu ao Vicepresidente, Alfonso Rueda, encargado de defender o proxecto de lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da lei que reforma a administración Local, que a Xunta renuncia ao exercicio das súas competencias e é cómplice da degradación e espolio do Partido popular dende o Estado contra o autogoberno galego.
A deputada criticou que o PP defenda no Parlamento galego un proxecto lexislativo contrario ás consideracións da FEGAMP, todos e todas sabemos, dixo, como o Sr. Rueda non defendeu en Madrid as alegacións da Federación Galega de Municipios e provincias nin presentou recurso contra unha medida que representa o recorte de servizos públicos e retalla a autonomía dos concellos galegos.
A lei é un instrumento do PP para controlar ás administracións locais
A Lei, afirmou, impón un control político das administracións locais e busca privatizar os servizos públicos dependentes delas, e acusou de ao Partido popular e a Xunta de mostrarse compracente ante unha lei lesiva para Galiza.
Vostedes, tentan botarlle un cabo ao Goberno do Estado cunha lei infame. A lei é centralizadora, antidemocrática, impón un modelo contrario ás características de Galiza e resulta un parche e unha chapuza para que o Ministro Montoro quede tranquilo para aplicala.
O BNG pediu paralizar o trámite parlamentario coa devolución do proxecto de lei
A nacionalista avanzou o voto negativo do BNG a unha reforma regresiva para os concellos e a cidadanía porque, na súa opinión, outorga máis poder as Deputacións provinciais que en Galiza dixo, un niño de corrupción e caciquismo.
O Partido popular en Galiza , remarcou, non foi quen de presentar un recurso de inconstitucionalidade como lle pedimos dende a oposición e o municipalismo ante a invasión de competencias da nova lei e agora veñen aquí a defendela para intentar resolver o caos e desaguisado provocado polo Goberno do Estado.
O proxecto de lei de medidas urxentes, derivadas da reforma Local, foi aprobado en solitario polo Partido popular que non aceptou as emendas da oposición nin a devolución do texto.
Tras a votación de hoxe, a lei continua o seu trámite parlamentario.