Admitida a trámite "por unanimidade" a ILP para favorecer o ensino en portugués

Ana Pontón defendeu a participación da cidadanía galega no Parlamento e anuncia que o BNG pedirá modificar a Lei de Proposta Lexislativa Popular contra o “veto do PP”.

O Parlamento galego aprobou hoxe, por “unanimidade”, admitir a trámite a Iniciativa Lexislativa popular “Valentín Paz Andrade” para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

O texto lexislativo, avalado por 17.000 sinaturas e defendido por José Carlos Morell, busca “volver a unir o que a historia separou” e incorpora no prazo de catro anos a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis do ensino.

O defensor da iniciativa, José Carlos Morell González, dedicada ao xurista, político, escritor, poeta e impulsor do Grupo Pescanova, Valentín Paz Andrade, salientou “a vertente económica” da proposta e a intención de converter nun “obxectivo estratéxico” para o Goberno galego “impulsar as relacións entre Galiza e os países de lingua portuguesa”.

O BNG quer reforzar a participación da cidadanía no Parlamento

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón parabenizou a todas as persoas promotoras da iniciativa que nesta ocasión, dixo, non contou “co veto do Partido popular” como aconteceu hai poucos meses nesta Cámara con outras propostas presentadas en defensa da Sanidade Pública e o programa Preescolar na Casa.

Un veto, engadiu que responde a unha posibilidade legal que resulta “inxusta” e anunciou que o BNG solicitará modificar a Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para que non se podan introducir “vetos a debates que a cidadanía quer traer ao Parlamento”.

A deputada rexeitou “unha democracia” que reduce aos cidadáns “ a votar cada catro anos” e apostou por dar “pasos e reformas en profundidade” para que a cidadanía poida exercer un mandato real e non como sucede con algúns gobernos do Partido popular sometidos “a Troica, a Banca e grandes multinacionais en contra do pobo”.

Pontón congratulouse, no seu nome e no do BNG, da axilidade coa que chegou esta iniciativa ao Parlamento galego que saíra adiante promovida pola cidadanía galega, “ esa cidadanía, dixo, que está a amosar a súa preocupación polo futuro da nosa lingua” cun proceso de normalizacións lingüística que nos está a levar a “unha situación límite coa perda de persoas que utilizan habitualmente o idioma galego”.

A Parlamentaria asegurou que ILP debatida no Parlamento reforzará en positivo a tendencia negativa do noso idioma, e dende o BNG compartimos “o achegamento a todo o referido coa lusofonía” como elemento clave para a restitución e recuperación de espazos do noso idioma.

O tecido empresarial e cultural sairán beneficiados con esta proposta concluíu.