Adán: “A Xunta estrangula o Comercio, a Industria e o Sector Naval con máis recortes para o 2013"

Carme Adán alerta da “perda de capital humano e recursos” en innovación por recortes da Consellería de Economía e Industria e pregunta se o modelo da Xunta será o desenvolvemento económico ou a Mina de Corcoesto

A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán afirmou hoxe, trala comparecencia do conselleiro de Economía e Industria, que os orzamentos previstos para o 2013 da Xunta estrangulan aínda máis os sectores produtivos galegos e cualificou de “retórica” a intervención de Francisco Conde por non abordar con rigor a realidade laboral e industrial.

Tras analizar as distintas partidas, a nacionalista considerou “continuista dunha nefasta xestión política” da anterior consellería os orzamentos que agora defende a Xunta e preguntou se o modelo a seguir será “un verdadeiro desenvolvemento económico para Galiza ou o modelo da Mina de ouro de Corcoesto”.

Na súa intervención, a parlamentaria preguntou pola estratexia económica deseñada pola consellería e o Fondo de crecemento publicitado polo propioPresidente da Xunta durante o Debate de Investidura e do que un 20% será xestionado por Industria, onde está esa viraxe cara políticas económicas para crecer das que tamén falou Núñez Feijoo? inquiriu.

Para a deputada, o escenario do 2013 é de “desilusión xeneralizada” como xa recoñeceu o propio goberno no proxecto de lei de orzamentos con “caídas na produción industrial e falta de crecemento económico”.

Fronte ao defendido por Conde, a nacionalista negou que o Goberno galego recorte en gasto corrente como evidencia o decrecemento dos investimentos e transferencias de capital, “temos en todos os orzamentos fortes caídas dos capítulos 6 e 7 e a súa consellería non é a allea aos recortes”.

Igape reducido, Axencia Galega de Innovación cunha gran caída de orzamentos, políticas industriais cos sectores en situacións críticas, políticas de comercios inexistentes e un sector naval sen carga de traballo, estes afirmou, son os expoñentes da “verdadeira realidade económica galega”.

 O IGAPE, motor do  desenvolvemento económico en Galiza, reduce as partidas para promoción empresarial

Adán criticou a redución das transferencias de capital en 14 millóns de euros destinados a axudas directas a empresas e industrias, a non ser que consideren, ironizou, que hai tan poucas empresas que xa non é preciso apoialas.

Contratos de PEMEX sen futuro determinado para o Sector Naval

Entre a comarca de Ferrol e Vigo foron destruídos máis de 10.000 empregos no sector naval, situación, dixo, á que hai que sumar a incerteza duns contratos con PEMEX dos que descoñecemos a súa viabilidade, o único que sabemos é que “non hai chapa cortándose nos estaleiros a pesar de que Núñez Feijoo afirmou que no mes de xaneiro estarían en construción os floteis”.

A promesa do dique flotante segue no ar e os centros de reparación de Vigo e Ferrol “seguen no esquecemento”, engadiu.

Axencia Galega de Innovación

A deputada advertiu que non é unha prioridade para a Consellería de Industria que a Axencia Galega de Innovación e explicou que ademais de xestionar os seus fondos debe acadar fondos europeos e desenvolver os fondos tecnolóxicos. Sobre esta cuestión, preguntou se as multinacionais, a través de empresa galegas, foron beneficiadas e hai que explicar se 20 millóns de euros do 2012 reverteron no empresariado galego.

Comercio e Artesanía

Carme Adán concluíu a súa intervención cualificando de “dramática” a situación do pequeno e mediano comercio galego da que dixo, só con camiñar polas rúas do noso país comprobamos os centos de carteis de “alúgase ou véndese” destes establecementos que permanecen pechados.

Asemade tamén criticou a eliminación das axudas para a Artesanía, un sector en Galiza con grande raigame e recoñecemento.

Adán reiterou a súa pregunta sobre o modelo económico do Goberno galego e preguntou se vai a apostar pola innovación e o crecemento económico ou por que unha “empresa foránea desfaga o territorio e o deixe inservible para as próximas xeracións como acontece coa Mina de Corcoesto”.