Adán reprocha a Conde a súa inacción ante a destrución do tecido industrial

A deputada cualifica de alarmante a “ pendente imparable” de perda de industrias e postos de traballo en Galiza desde que goberna o Partido popular

Pleno-. A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán interpelou hoxe ao conselleiro do ramo, Francisco Conde sobre a política prevista polo Goberno galego para “frear a destrución do tecido industrial de Galiza”.

Na súa intervención, Adán reprochou ao conselleiro a “súa inacción” ante o desmantelamento do sector naval e industrial galego, vostede, dixo, debe pensar que o Parlamento é un “tendal de roupa” porque cada vez que acode a Cámara os deputados e deputadas vestimos camisetas de T-solar, Arteixo Telecom, Megasa, Pórtico, Cementos Cosmos, Alfageme...

Para a deputada, o conselleiro de Industria obvia a dramática situación da desfeita industrial que se está a producir en Galiza e que xa provocou a perda de 37.000 postos de traballo, vostedes apostan polo modelo Keynesiano, dixo, “socializan as perdas e privatizan os beneficios”.

Conde tampouco se compromete cos traballadores/as de T-Solar

Ante a presenza de traballadores de T-Solar na tribuna de público no transcurso do debate parlamentario, a deputada preguntou ao conselleiro se prevía manter unha xuntanza co colectivo e lamentou o voto en contra do Partido popular da iniciativa nacionalista destinada a “liderar un proceso” de mantemento da actividade da fábrica fotovoltaica e a continuidade dos postos de traballo.

Pola súa parte, o conselleiro respondeu que Galiza foi a comunidade na que máis baixou o paro e o Goberno galego ten unha política industrial moi concreta, “non vai nacionalizar as empresas con problemas porque na actualidade existen outras que están na senda de crecemento”. Para Conde, “Galiza é unha das rexións que máis crecen en Europa”.

O conselleiro salientou os datos positivos nas exportacións e a lei de emprendemento, tamén “cun gran éxito empresarial”.

Galiza vs País de Yupis para o conselleiro de Industria

Na quenda de réplica, a nacionalista acusou ao titular de Industria de vivir “nun país de yupis” porque, explicou, “só hai que saír a rúa e falar coa xente para saber como está o país”, non hai acceso ao crédito e vostede no transforma o Igape nun Instituto público galego de crédito para salvar ás empresas agás, asinar EREs. O desemprego aumenta alarmantemente e a mocidade máis formada vese obrigada a emigrar, en que país vive vostede Sr. Conde, preguntou.

Sobre innovación, Adán afirmou que decreceron un 30% as empresas grazas a lei fume do Partido popular que mantén aos investigadores sen futuro e no relativo ao emprendemento criticou que a Xunta só destine 4 millóns de euros.

A deputada lamentou que o conselleiro de Industria non mencionara na súa intervención o compromiso de reunirse cos traballadores/as de T-Solar presentes no hemiciclo e non avanzara os instrumentos que ten en marcha a súa consellería para resolver a “dramática situación do tecido industrial galego”.

Adán concluíu reprobando a actitude “expectante” da Xunta ante Pescanova, a liquidación das caixas de Aforro e a situación de desemprego en Galiza.