Adán pide a Industria investir en I+D, construír o dique e renegociar a débeda de Pescanova

Intervención da deputada Carme Adán

A deputada, trala comparecencia do consellerio,  acusou ao PP de levar a  “Galiza á liquidación”

Ante a caída alarmante do sector industrial galego, a deputada do BNG, Carme Adán propuxo “cinco medidas urxentes” destinadas a rescatar o sector: transformar o IGAPE nun instrumento financeiro con novos recursos, construír o dique flotante,eliminar a retroactividade do TAX LEASE, levantar o veto a Navantia, nova dirección para Pescanova e renegociar a débeda, investir en I+D+i e presentar un plan de minería para Galiza.

Trala comparecencia do conselleiro de Industria para explicar as liñas e obxectivos do seu departamento, a deputada acusou a Conde de viaxar de “comercial por México”, mentres se perden miles de postos de traballo nos sectores máis competitivos e estratéxicos para desenvolvemento económico galego”.

Sector eólico paralizado por unha decisión sectaria do PP

Sobre o sector eólico, a deputada afirmou que a partido popular está arruinando as enerxías renovables, non pode falar do sector eólico porque vostedes son os culpábeis da “súa parálise” e serán todos os galegos e galegas quen pagarán un canon inxusto.

Vostede non ten que reflexionar, debe actuar reiterou porque “o tecido industrial en Galiza está desaparecendo, o sistema financeiro galego pulverizado e o Goberno de Feijóo instalado nunha empresa de marketing e propaganda”.

Feijóo, dixo, de comercial polas Américas “traficando coa nosa desesperación” mentres o desemprego aumenta e 18.000 persoas, mozos e mozas xa non residen en Galiza.

Sector naval, Pescanova e Caixas galegas fracasos do Partido popular

A parlamentaria denunciou que a Xunta deseñara plans acuícolas á medida de Pescanova cun rescate á empresa de 42 millóns de euros, agora a situación tradúcese na perda de miles de postos de traballo e un comportamento desleal dos seus directivos.

No tocante ao Naval, Adán cualificou de “novos contos” os contratos de Pemex e a viaxe de Feijóo a México e preguntou onde está o dique flotante, os floteis o Tax Lease, onde están os dous mil empregos prometidos para o naval?.

A nacionalista criticou que o conselleiro se referira con eufemismos como, economía verde para referirse a minería, especialización intelixente cando a xuventude galega é obrigada a emigrar na procura de traballo ou unha metodoloxía innovadora para comercio galego cando en realidade o sector desaparece día a día.

Eufemismos para agochar a realidade

Para a deputada, mentres miles de persoas se manifestan en contra da mina de Corcoesto ou a mocidade emigra, “o Goberno galego mostra unha pasividade palmaria” e pediu responsabilidade política ao conselleiro de Industria para actuar contra a crise económica.

A nacionalista reprobou a propaganda institucional sobre un Plan Industrial do Eólico para Galiza que, na súa opinión, representou “cero MW e a perda de miles de postos de traballo”, por unha decisión “sectaria e revanchista de Feijóo” contra o concurso eólico do Goberno bipartito.

Na quenda de resposta ao conselleiro, Adán preguntou se as políticas liberais do Partido popular e a recesión confirman a mellora do noso país ou polo contrario, “vivimos nun momento de recentralización política, económica e financeira cara a Madrid co desleixo cómplice do Partido popular galego”.

Non é que teñamos unha visión apocalíptica, engadiu, todo o contrario, “somos realistas sobre o abandono do noso país”, os únicos proxectos enriba da súa mesa son os da “minería contaminante e de instalación de multinacionais nun país que se regala de maneira colonial”

A nacionalista concluíu pedindo ao conselleiro de Industria que traballe para que as empresas consigan crédito, defenda unha entidade financeira de cárter público, converta o IGAPE nun instrumento de crédito público e ofreza unha solución real e crible ao tecido empresarial para que non se repitan situacións como as de: Cuca, cementos Cosmos, Astrong ou Caramelo.