Adán nega a “rápida recuperación” do Sector naval da que presume o Goberno galego

A deputada acusa ao Goberno galego de facer “política ficción” dun sector en situación “agónica” e lamenta que o conselleiro non responda sobre a construción de buques civís en Navantia no ano 2015, as previsións sobre o dique flotante e as xestións do Goberno galego para levantar o “veto inxusto” a Navantia

A deputada do BNG, Carme Adán criticou “o triunfalismo” do conselleiro de Industria na súa comparecencia para informar da situación do sector naval e considerou que os datos aportados por Conde, “contradín á realidade produtiva e laboral d@s traballadores/as do sector”.

Para a deputada, resulta chamativo que a Xunta sega no camiño da “falsa publicidade positiva ” mentres o sector naval galego cada día atravesa por máis dificultades e amosou un gráfico para demostrar os datos de contratación nos estaleiros dende o ano 2002 ao 2013 que confirman unha unha maior caída de carga de traballo no ano 2011 e “cero contratación de pedidos” no 2013.

Francisco Conde no Ministerio da verdade de George Orwell

Adán comparou a comparecencia do conselleiro co protagonista de 1984 de George Orwell, Wiston Smith, dedicado a reler no pasado co fin de botar as culpas os demais, despois de escoitalo, dixo, parece que “o Partido popular non gobernou nunca”.

A parlamentaria tamén cualificou de “xogos semánticos para política ficción” os eixos da xestión da consellería da que dixo, está ao límite ao igual que a situación industrial galega.

Ademais se referiu ao sector eólico ao que o conselleiro non aludiu na súa comparecencia , “ vostedes, desmoronaron esta actividade produtiva” á que debemos sumar a caída do índice na produción industrial nun 2,1% fronte á recuperación do 2% no resto do Estado, xa non poden seguir negando que “o sector industrial cae en picado”.

Sobre os datos de emprego asegurou que na industria son “os peores” da economía galega, perdeuse o 28% dende o ano 2009 ao 2014, e no primeiro trimestre deste ano, 1.600 persoas perderon o seu posto de traballo, polo tanto “non hai ningún tipo de recuperación”, recalcou.

Feijóo segue sen cumprir as súas promesas

A deputada preguntou ao conselleiro se é consciente dos incumprimentos do Presidente da Xunta, a respecto do sector naval, incumprimentos entre os que destacou: o “dique flotante, a posta en funcionamento do Tax Lease e a Lei de fomento do sector naval”.

Na quenda de réplica, Carme Adán lamentou a falta de respostas concretas ás cuestións formuladas e volveu criticar que o conselleiro afirmara que existe “un 40% de pedidos” cando o maior nivel nesta materia, explicou, rexistrase no País Basco co 42%, Asturias 36% e despois figuraría Galiza e a “caída real” de pedidos prodúcese nos anos de Goberno de Núñez Feijóo.

Adán rematou preguntando se o 1 de xaneiro de 2015 Navantia comezará a construír buques civís, que xestións realizou a Xunta de Galiza para levantar o veto, porqué o Goberno galego non participa do consello de Administración da empresa e sobre o dique flotante, sabemos algo? ou seguirá sendo un anuncio electoral.