Adán: “ O informe do 2014 sobre violencia de xénero é unha foto fixa"

A deputada criticou a ausencia de conclusións do informe presentado pola secretaria de Igualdade, tras oito anos da implantación da Lei galega contra a Violencia de xénero

A deputada do BNG, Carme Adán criticou hoxe a ausencia de conclusións do informe anual do ano 2014 sobre a situación da violencia de xénero presentado en comparecencia pola secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Para a deputada do BNG, hoxe a presentación do informe é “unha foto fixa” comparábel ao resto dos informes presentados e que todas as deputadas, “imos apilando na mesa”. Botamos en falta un relatorio de conclusións e unha valoración real despois de “8 anos da implantación da Lei Galega contra a Violencia de xénero”.

As mulleres, as máis prexudicadas no mercado laboral

Adán lembrou que hai uns días foi celebrado o 8 de Marzo e todas as Secretarías das organizacións sindicais galegas publicaron diversos informes sobre a “demoledora situación das mulleres” cunha fenda salarial das máis altas do Estado, unha emigración “masiva” das mozas galegas, e un gran aumento de mulleres desempregadas maiores de 50 anos así como informes sobre a reprodución de comportamentos machistas entre a mocidade.

Sobre a violencia entre a mocidade destacou que un de cada tres mozos considera “normal” exercer o control sobre as súas parellas e ante esta situación, vostede nos presenta “un informe ao uso” pero sen unha estratexia para erradicar ese comportamento. Neste sentido, preguntou que pensa facer a consellería de Educación ante un problema desta evergadura no ámbito educativo para erradicar as condutas sexistas.

Ademais, tamén fixo referencia ao programa de atención psicolóxica da que dixo, “non é suficiente” como xa denunciou o propio Colexio de psicólog@s a pesar de ser un “piar básico” para atender ás mulleres vítimas de violencia ao igual que o asesoramento xurídico previo á denuncia. Estas son algunhas cuestións que non figuran no informe presentado hoxe, censurou.

Falta de formación dos profesionais que atenden a vítimas de violencia de xénero

Os medios de comunicación, dixo Adán , recollen sempre os datos sobre casos de violencia pero seguimos descoñecendo o procedemento penal que conlevan as denuncias por iso resulta imprescindíbel potenciar o asesoramento xurídico previo.

A falta de formación dos médic@s forenses, profesorado e maxistrad@s fan necesario, que a Secretaria Xeral de Igualdade teña unha maior implicación nestes ámbitos e na coordinación dos servizos para que as mulleres afectadas non teñan que percorrer distintos lugares para seren tratadas converténdose as consultas nun “periplo” difícil sobre todo nesa situación.

Finalmente, Adán denunciou algunhas eivas no tratamento das mulleres vítimas de violencia de xénero entre as que destacou, os meses inhábiles para ingresar nas casas de acollemento, sobre todo no caso de mulleres con problemas de saúde mental, a falta do procedemento abreviado da RISGA e a paralización do programa ALUGA.

Máis alá de cifras, xornadas e programas, en que situación está despois de oitos anos a violencia de xénero en Galiza, concluíu.