Adán: “Que fallou para que unha muller fora asasinada no Hospital polo seu cónxuxe"

A deputada, Carme Adán formulou hoxe unha nova pregunta sobre o acontecido no Hospital de Ourense onde unha muller resultou asasinada polo seu agresor tras permanecer no centro recuperándose dunha anterior agresión no seu domicilio

 A deputada do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Sanidade e Política social sobre a falta de “protección das vítimas por violencia de xénero” que provocou o asasinato dunha muller no Hospital de Ourense a mans da súa parella.

Adán lembrou que na anterior sesión plenaria, o BNG xa formulou unha pregunta ao vicepresidente da Xunta sobre o asasinato de Isabel Fuentes no Hospital de Ourense sen acadar unha resposta que determine “que fallou” para que isto acontecera. A deputada naquela ocasión cualificou a resposta de Alfonso Rueda “de decepciónante”, para ser suave, dixo.

O BNG quere saber que mecanismos fallaron

Hoxe, a deputada volveu a preguntar que mecanismos fallaron para que unha muller ingresada nun centro hospitalario dependente do SERGAS falecera despois de non tomar ningunha medida de protección contra o seu agresor. Isto, remarcou, constata que as leis non se cumpriron, tanto a lei Orgánica como a lei galega que recollen medidas das distintas administracións: Sanidade, Corpos de Seguridade e operadores xurídicos. Medidas engadiu, todas elas de protección.

Vostede, dirixíndose á Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella debe explicar que accións emprendeu para esclarecer o acontecido, se falou coa traballadora social e cos sindicatos do CHOU para saber que mecanismos fallaron no asasinato de Isabel Fuentes.

Adán alertou da posibilidade dun novo suceso como o acontecido no Hospital de Ourense tras escoitar as directoras dos Centros de Información das mulleres nunha comisión especial celebrada recentemente no Parlamento e cuxo relato incidía na necesidade de tomar medidas adecuadas e traballar contra a relaxación dos operadores xurídicos e a falta de coordinación coa Secretaria Xeral de Igualdade.

A deputada pediu “un verdadeiro compromiso contra a violencia de xénero” e menos notas de prensa do Goberno lamentando os asasinatos de mulleres.

Pola súa parte, López Abella afirmou que o caso de Ourense “está baixo segredo de sumario” e pediu respecto para a investigación e para a familia da vítima e non darei máis datos, afirmou, dos que podemos dar conta. A secretaria de Igualdade lembrou que xa son 14 as mulleres asasinadas por violencia machista en España no 2015 . En Galicia foi María Isabel Fuentes de 64 anos ingresada no Hospital de Ourense por lesións producidas o 2 de abril polo seu cónxuxe.

Na réplica, Adan recomendou á secretaria Xeral visionar os vídeos das directoras dos CIM e escoitar as súas reclamacións e reiterou que o Goberno debe tomar medidas urxentes contra a violencia machista.