Adán exixe a Feijóo que asuma a súa responsabilidade ante o alarmante incremento do paro

A deputada do GP do BNG Carme Adán esixiu este venres a Núñez Feijóo que asuma a súa responsabilidade fronte a uns dados do paro no último trimestre que confirman que Galiza está nunha “situación límite”, pois o 20 por cento dos novos desempregados do Estado son galegos.

Carme Adán asegurou que a inacción do presidente da Xunta e a súa política de falsa austeridade está provocando unha destrución masiva de emprego a un ritmo vertixinoso e lamentou que fuxa desta realidade a través de “cortinas de fume” como a “reducción da democracia” que pretende introducir a través da reducción do número de deputados.

Incumpriu o seu contrato 

A deputada nacionalista lembrou que Feijóo se presentou ás eleccións en 2009 cun contrato cos cidadáns para reducir o paro e a realidade é que nestes momentos Galiza está á cabeza do Estado en destrucción de emprego.

A inacción de Feijóo está a colocar Galiza nunha situación límite

Neste sentido, reiterou que só neste trimestre o diferencial con respecto á media do Estado en incremento do paro é 4 veces maior e respecto do mesmo trimestre de 2011 é dun 25,64 por cento máis.

Ive material escolar

Para a parlamentar, neste contexto cobra aínda maior gravidade medidas como o incremento do IVE no material escolar, que pasa dun 4 a un 21 por cento, o que suporá un esforzo en moitos casos inasumibel para as familias, “que ademais xa non contan coa posibilidade dos libros en préstamo que ofrecía o anterior goberno”.

Co obxecto de ver a predisposición do PP para mudar esta situación e demandar do Estado que se manteña ese 4 por cento, Adán presentou unha proposición non de lei que agarda debatir en pleno no mes de Setembro, ao comezo dun curso no que tamén espera coñecer a postura do conselleiro de Educación sobre o anteproxecto de lei “regresivo” que prepara o Ministerio, que recupera as reválidas como medida contra o fracaso escolar.

Redución de deputados

A preguntas dos xornalistas sobre a proposta de Feijóo de reducir o número de deputados, asegurou que o BNG sempre estivo a favor das políticas de aforro reais, nun momento no que aos cidadáns se lle están a pedir tantos sacrificios, “pero o que pretende Feijóo non é un aforro senón unha merma da democracia, gañar a través dun pucheirazo o que non pode gañar de forma democrática”.

Que reduza campañas publicitarias

A deputada nacionalista convidou a Feijóo a que se realmente persigue un obxectivo de aforro reduza campañas publicitarias, como a publicada a pasada semana no DOG da Consellería de Industria cun custe de 1 millón de euros.

“Esta campaña, as que se poden ler estes días nos medios sobre Sanidade, a das enquisas do galego o curso pasado, as vallas sobre o Hospital de Vigo, etc son só algúns exemplos que lle permitirían a Feijóo un aforro maior que o que propón co límite de deputados, e durante varias lexislaturas, ademais”.

Auténtico pucheirazo

Carme Adán recordou que para chegar ao goberno da Xunta, o presidente xa tivo que recorrer en 2009 a un tipo de campaña electoral moi cuestionábel e agora, para agachar o seu fracaso, pretende facer o propio cunha reforma que é un “auténtico pucheirazo”, insistiu.

"10.300 persoas desempregadas máis en Galiza, esta é a verdadeira xestión de Feijóo”, concluiu.