Adán afea a xestión de Mato con “datos reais” sobre demoras na tramitación da Risga e pobreza

Adán demostra con datos que Feijóo e Mato minten

A deputada amosa unha gráfica do INE para demostrar que Feijóo mentiu sobre os datos de pobreza en Galiza polo que pediu a súa dimisión e tamén a da conselleira de Benestar, Beatriz Mato

Pleno.- A deputada do BNG, Carme Adán afeou hoxe a xestión da conselleira de Benestar, Beatriz Mato polas demoras detectadas na tramitación de solicitudes da Renda de Inclusión Social galega (Risga) e acusou á membro do goberno de ter formulado na consellería a orde de “non dar de alta ningunha solicitude ata producirse algunha baixa”.

Na interpelación á conselleira, Adán esixiu axilizar as tramitacións porque, explicou, detrás dos expedientes hai persoas e situacións insostíbeis e vostedes “non poden seguir negando esta realidade nin o incremento do índice da pobreza en Galiza”.

Pola súa parte, Beatriz Mato recoñeceu “as demoras na tramitación” e anunciou que o su departamento tentará axilizar os tempos. Neste sentido, a nacionalista insistiu en preguntar pola porcentaxe sen tramitar durante o ano 2013 ao que Mato cifrou no 80% as solicitudes atendidas.

Mato e Feijóo menten sobre os datos de pobreza en Galiza

Carme Adán principiou a súa intervención afirmando que “unha vez máis” , o presidente da Xunta mentiu sobre os datos da pobreza en Galiza, proceder, dixo, que merece a “dimisión” tanto de Feijóo, como da conselleira de Benestar ou do asesor que lle pasou os datos” xa que o propio Instituto nacional de Estatística, (INE) desmínteos ao confirmar que “no ano 2005, foi do 13,92%, no 2006, 14, 41%, 2007, 14,56% no 2008, 13,88%, 2009, 14,32%. 2010, 14,28%, 2011, 15, 73%, 2012, 16,45% e no 2013, 17,2 %”.

Adán reclamou que constara no diario de sesión, a poder ser en cursiva, que Feijóo “mentiu” sobre estes datos e reiterou que no ano 2006 o índice de pobreza non era o 23% como mantivo o presidente.

Non se pode permitir que un presidente, minta todos os días, porque as persoas que aparecen nas gráficas do INE, “teñen vida e unha situación dramática” ás que se lle ofrece unha axuda, ao noso xuízo, “moi pequena” pero por riba, atópanse con grandes trabas para poder cobrala con retrasos de ata “seis, sete e oito meses”.

A nacionalista rematou as súa intervención afirmando que existen eses retrasos polo que pediu ao Mato que poña ao seu departamento a traballar para desatascar a tramitación da Risga.