Adán acusa á Xunta de "estrangular" os centros de internamento de menores

Adán en rolda de prensa

A deputada denuncia a redución de fondos do 17% para centros de internamento e 19% para os de Medio Aberto para menores que cumpren medidas xudiciais

 A parlamentaria do BNG, Carme Adán presentou hoxe, en sede parlamentar, diversas iniciativas contra a decisión do Goberno galego de reducir os fondos para os centros de internamento de menores nun 17% e o 19% para os de medio aberto.

Para a deputada, o Goberno de Feijóo con esta redución de fondos “estrangula” uns centros dedicados a intervir para reeducar e socializar aos menores que cumpren medidas xudiciais en réxime de internamento.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a parlamentaria explicou que o pasado día 15 de xullo, o Goberno galego iniciou o proceso para seleccionar ás entidades “sen ánimo de lucro” encargadas de xestionar os servizos de internamente de menores nos vindeiros meses. O sorprendente, dixo, é que fronte as continuas afirmacións de Feijóo dun incremento social nos orzamentos, agora opte por “un drástico recorte” nestes centros que ven reducidos os seus fundos nun 17% pasando de 217 euros praza/día no concurso de 2011 a 180,89 no que está en curso.Este prezo, abondou a nacionalista, é o mesmo do ano 2002.

Drástica redución de fondos para atender menores que cumpren medidas xudiciais

No caso dos centros de Medio Aberto a redución sitúase no 19% pasando de 580.000 euros ano a 470.000 euros e “esixindo aumentar a plantilla de persoal”, recalcou Adán.

A deputada considera que a diminución de fondos repercutirá moi negativamente nos salarios do persoal, comidas e calidade dos centros polo que anunciou que o BNG esixirá ao Goberno galego “un informe” da situación e previsión para os centros de internamento e Medio Aberto. Por outra parte, tamén solicitou que a conselleira, Beatriz Mato reciba ao colectivo de traballadores e traballadores para analizar a nova situación como veñen reclamando dende hai tempo sen que polo momento recibiran resposta da titular de Traballo e Benestar.

Finalmente, a deputada reiterou que o BNG demandará, en sesión plenaria, o mantemento dos orzamentos de pasados exercicios, garantir os postos de traballo e servizos e un informe sobre a situación dos centros como xa reclamou o propio Valedor do Pobo.