Adán acusa a Beatriz Mato de “falta de vontade” para tramitar as solicitudes da RISGA

Carme Adán

A deputada denuncia retrasos de “sete e oito meses” e acusa á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato de “mentir” e ralentizar os expedientes para non abonar os pagos

O BNG acusa á Xunta de non ter “vontade para tramitar” as solicitudes da RISGA e reclama que Consellería de Traballo e Benestar cumpra a lei nesta materia.

A deputada do BNG, Carme Adán compareceu hoxe, ante os medios de comunicación, en sede parlamentar ante a situación xerada “cos retrasos” nas tramitacións da Renda de Integración Social (RISGA).

Adán asegurou que os afectados/as acumulan ata oito meses dende a presentación da petición, circunstancia que, na súa opinión, obedece á “falta de vontade de tramitar” os expedientes co fin de adiar os pagos da RISGA e a unha “mala práctica” da consellería de Traballo e Benestar

A parlamentaria explicou que o BNG conta con numerosa documentación de afectados/as que solicitaron unha axuda para facer fronte aos pagos e “non poden agardar meses”. Documentación que non fixo pública para garantir a “confidencialidade” dos solicitantes.

Carme Adán explicou que o BNG rexeitou a Lei de Inclusión Social de Galiza por “insuficiente” e reclamou que a pesar de ser “escasa” a Xunta debe cumprir o artigo 37 que contemple a resolución da RISGA en dous meses.

A nacionalista tamén aludiu a intervención da conselleira Beatriz Mato na última sesión plenaria na que afirmou que “non existían os retrasos denunciados” e asegurou que os concellos teñen recollidos moitos expedientes con retrasos de “seis, sete e mesmo oito meses” polo que pediu a titular de Traballo e Benestar que non “minta” sobre a situación dramática que están a vivir moitos galegos e galegas.

Neste sentido, engadiu que nalgúns concellos o 100% das solicitudes presentadas no ano 2014 seguen pendentes ao igual que a a maioría das do ano 2013.

Muller con fillos ao seu cargo e ingresos de 175 euros

A nacionalista indicou que “30.000 fogares galegos” non reciben ningún ingreso e 465.000 persoas viven por baixo ou no limiar da pobreza e recordou que o propio Valedor do Pobo, no último informe, constatou o aumento das solicitudes de axudas sociais como a RISGA ou as Axudas de Emerxencia Social e as queixas polos retrasos na súa resolución

Ante as mensaxes “optimistas do Partido popular”, sobre todo en período electoral, a parlamentaria do BNG recomendou ao PP achegarse aos servizos sociais dos concellos e constatar a verdadeira situación de pobreza de moitas persoas e familias galegas.

Finalmente, Adán reiterou que a conselleira de Traballo e Benestar non pode “seguir obviando e negando” esta realidade polo que pediu resolver “sen dilación” os expedientes pendentes.