Acordo sobre unha iniciativa do BNG para esixir á concesionaria do servizo telefónico do 061 que respecte o convenio laboral
Montse Prado insta á Xunta a “non mirar para outro lado” diante da folga do persoal pola vulneración dos seus dereitos como traballadores e traballadoras
A deputada advirte que a sobrecarga sobre o cadro de persoal repercute non só na súa saúde senón tamén na calidade do servizo de atención ás urxencias
O Parlamento de Galicia instará á Xunta a que esixa á empresa concesionaria da prestación do servizo de operación telefónica do 061 o cumprimento do convenio de centros de chamadas, en especial o seu artigo 25, onde se fixa que cada persoa contratada terá garantido o desfrute de dous fines de semana ao mes.
Así figura no primeiro punto, aprobado por unanimidade, da proposición non de lei que defendeu este xoves a deputada Montse Prado, que nun segundo apartado da súa iniciativa tamén reclamou da Xunta a rectificación do decreto de fixación de servizos mínimos na folga convocada polos teleoperadores/as e locutores/as do 061, con paros parciais, desde o pasado 25 de novembro. Prado advertiu de que a “fixación desproporcionada” do 100 % do cadro de persoal impide na práctica o dereito á folga destes traballadores. Malia todo, o PP votou en contra deste punto.
Na defensa da iniciativa, a deputada do BNG emprazou á Xunta a “non mirar para outro lado” diante das denuncias feitas polos traballadores, que vén vulnerados os seus dereitos laborais porque “na vez dos descansos establecidos por convenio só lle están permitindo gozar, no mellor dos casos, dunha fin de semana ao mes”. Ademais, denuncian que a empresa, Fidelis Servicios Integrales (grupo Servizo Móvil) está facendo coincidir nas quendas de traballo a persoas que non teñen a experiencia laboral establecida no contrato co 061.
Isto está provocando, engadiu, unha “sobrecarga de traballo moi importante” que acaba tendo consecuencias tanto para o persoal e a súa saúde como para a calidade da atención prestada nun servicio esencial no que, subliñou, “cada segundo conta” para atender as emerxencias e, en moitos casos, salvar vidas.
Prado salientou que xa en maio Inspección de Traballo ditou unha resolución noa que se esixía á empresa o cumprimento do convenio, máis a resposta foi ameazar coa modificación substancial das condicións de traballo da maior parte do cadro de persoal, aumentando xa que logo a precarización e o deterioro da prestación do servizo, advertiu a deputada.
Ao longo da súa exposición na Comisión 4ª, Montse Prado insistiu en que a Xunta non pode desentenderse deste conflito. “A empresa é responsábel polos incumprimentos, pola vulneración dos dereitos laborais... máis o maior responsable é o Sergas, o 061, o PP, por ser cómplice e consentidor xa que son perfectamente coñecedores do que está a acontecer e non realiza as tarefas nin de vixilancia nin de control”.
A deputada nacionalista presentou o conflito laboral no servizo telefónico do 061 como unha consecuencia máis da política de privatización da sanidade que leva a cabo o PP. Defendeu, neste sentido, que como servizo esencial “non pode estar en mans de empresas privadas, que teñen como obxectivo acadar beneficios”. O BNG, engadiu, é partidario da prestación directa por parte da Xunta, “na xestión, na provisión e na titularidade”, e lonxe da “estratexia do PP de converter a saúde en negocio”.