O acordo das pensións do goberno de Sánchez consolida as medidas máis antisociais da reforma do PP
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou esta mañá o acordo sobre as pensións, na medida en que consolida as medidas máis antisociais da reforma do Partido Popular -como a xubilación aos 67 anos- e engade outras novas. Particularmente, Rego rexeitou o anuncio do Ministro José Luís Escrivá de recortar as contías á xeración do 'baby boom' e reclamou subir as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional para superar as fendas de xénero e as territoriais.
Néstor Rego salienta que as mudanzas introducidas no acordo de pensións asinado onte “non é a derrogación das reformas das pensións do Partido Popular, xa que mantén e consolida os elementos máis regresivos das mudanzas anteriores, en concreto, a extensión da idade de xubilación aos 67 anos”.
Así mesmo, este cambio na política adopta outros recortes no sistema público de pensións. “A penalización aínda maior nos primeiros meses na xubilación anticipada e incentivar a permanencia no mundo laboral para alén da ideade legal de xubilación -mesmo máis alá dos 70 anos- parécenos profundamente erróneo porque, ademais de inxusto coas persoas que traballaron 40 ou 45 anos da súa vida, vai na liña contraria ao que se precisa neste momento. Cun índice de desemprego xuvenil de 40%, estas medidas o único que van provocar é que os mozos e mozas teñan aínda máis dificultades para se incorporaren ao mercado laboral” enfatizou Rego.
O deputado nacionalista lembrou que na última década tiveron que marchar da Galiza máis de 300.000 persoas por non encontraren traballo no noso País, a maior parte “mozos e mozas den formadas”.
Por outra banda, o deputado lembrou que o Goberno está incumprindo o compromiso, tamén estabelecido no seu programa de coalición de Goberno, de subir as pensións mínimas. “Esta é unha reclamación histórica do Bloque Nacionalista Galego e seguimos mantendo esta posición porque é totalmente necesaria” subliña o deputado nacionalista. “Subir as pensións mínimas até igualalas co Salario Mínimo Interprofesional e incrementar ambos até colocalos en 60% do Salario Medio, que é o que estabelece a Carta Social Europea e que o Goberno do Estado está a incumprir”. Rego salientou que esta medida defendida polo BNG reduciría tanto a fenda de xénero como a fenda territorial, posto que, por exemplo, Ourense ten a pensión media máis baixa do Estado, máis de 600 euros inferior á media provincial máis alta.
Alén do máis, o deputado do BNG rexeitou rotundamente o anuncio realizado polo Ministro escrivá nesta quinta feira de novos recortes coa aparición do chamado “mecanismo de equidade interxeracional” que terá “un efecto similar ao factor de sustentabilidade suprimido polo Goberno hai uns días”. Este novo mecanismo, afectará toda a xeración do “baby boom”, as pesoas nacidas entre mediados dos anos 50 e a década de 70, “unha xeración que durante 45 anos estivo sostendo o sistema de pensións. É absolutamente inxusto e inadmisíbel” concluíu Rego.
A posterior rectificación parcial do Ministro non é ningunha garantía de que non se vaia aplicar, como tamén persiste a ameaza de ampliar o período de cómputo de 25 para 35 anos, media que o BNG rexeita por implicar un recorte real nas contías de entre 5 e 10%.