Abonda de mentiras! Declaración do Consello Nacional con motivo do aniversario de Angrois
Declaración do Consello Nacional no terceiro aniversario do accidente de Angrois
Abonda de mentiras!
O Consello Nacional do BNG, reunido o 23 de xullo de 2016, véspera do terceiro aniversario do día en que se produciu o accidente que provocou 81 vítimas e 144 persoas feridas, quere, en primeiro lugar, trasladar á sociedade galega que nunca esquecerá as persoas que faleceron ese día e que continuará a estar á beira dos seus familiares, que loitan incansabelmente por coñecer a verdade, único xeito de que se faga xustiza.
Detrás dunha traxedia como esta hai persoas con nomes e apelidos, persoas que xa nunca festexarán nada cos seus seres queridos. Elas, esas persoas que sofren as ausencias son as que máis nos preocupan hoxe e ás que queremos transmitirlles toda a nosa forza e o noso ánimo, ao tempo que o orgullo polo seu traballo, pola súa constante tarefa por seren capaces de levar a cabo a defensa da dignidade e da memoria.
En tempos de memoria histórixa non podemos deixar que haxa quen, con argumentos esperpénticos, queira enterrar a posibilidade de saber que aconteceu,por que aconteceu e quen foron as persoas (en plural) que tiveron responsabilidade polas decisións que se tomaron.
O BNG pediu desde o primeiro momento que se constituíse unha Comisión de Investigación independente e que houbese responsabilidades polkíticas para que non sucedese nunca máis un accidente destas características. Non cesaremos neste empeño. Non podemos devolver a vida ás persoas falecidas. Si a dignidade. Hoxe, máis que nunca.