O PP veta no Parlamento a proposta do BNG de dinamización económica contra a crise demográfica de Ourense

Noa Presas

Critica o veto do PP: “Veñen  botar balóns fora e non queren poñer números encima da mesa a favor dunha reactivación económica da provincia”

A deputada por Ourense, Noa Presas, defendeu no Parlamento un plan de reactivación económica para esa provincia dialogado coas organizacións sindicais, veciñais, sociais e empresariais relevantes. O Plan debería ter dotación económica plurianual incorporada aos orzamentos da Xunta  e ser avaliado anualmente remitindo un informe aos sectores que participen da súa redacción para potenciar aqueles elementos que funcionen e corrixir os que non dean resultados.

A proposta de Presas tiña como finalidade combater un dos máis graves problemas da provincia de Ourense: a despoboación e o avellentamento da poboación que está lastrando o seu desenvolvemento económico e pon en risco o seu futuro, cunha situación demográfica que os datos oficiais permiten cualificar de “alarmante” pero que, sen embargo, non puido prosperar polo veto do PP.

Galiza ten un problema de despoboación xeneralizado, salientou na súa argumentación, pero a  situación en Ourense é especialmente grave, “o que nos leva a pedir que se xere un consenso arredor de medidas de impulso económico específicas para esta parte do país que vive unha situación de emerxencia”.

Os datos publicados polo IGE recollen unha diminución da poboación galega do 0,26% en 2017, caída que se acentúa en Ourense cun dato aínda peor que indica un descenso do 0,72%. En relación á estrutura por idades da poboación galega é Ourense quen ten a media máis alta, por riba dos 50 anos, mentres que a taxa bruta de natalidade que recolle a cifra de nacementos por cada mil habitantes é a máis baixa do país.

Presas fixo fincapé nas demoledoras perspectivas demográficas para catro comarcas concretas da provincia: Terra de Caldelas, de Trives, Baixa Limia e Viana, para que ás que o IGE augura unha caída de entre o 30 e o 40% nos próximos 15 anos.

“É unha prospección demográfica terrorífica e nun país desenvolvido isto requiriría un plan de choque inmediato, porque hai que tomar medidas inmediatas pois estamos falando de catro comarcas e dunha situación que só se da nesta parte de Galiza”, alegou, tras lamentar o voto en contra do PP a proposta de poñer un marcha un plan de reactivación económica da provincia como motor da recuperación demográfica, porque é con emprego e futuro como se pode corrixir esta grave situación da provincia, de aí a proposta dun plan de reactivación económica.

“Teño que lamentar que veñan aquí a botar balón fora, porque despois de levar 40 anos gobernando a provincia algunha responsabilidade terán na situación actual”, ironizou Presas, “por iso desde o BNG lamentamos que non queiran dar un debate serio e que non queiran poñer números encima da mesa para unha reactivación económica”.