No 84 aniversario do Estatuto galego, Mini pide un novo status político para Galiza
Afirma que o cambio político virá da man do BNG cun goberno presidido por unha muller, a nacionalista Ana Pontón
O deputado no Congreso, Néstor Rego avogou por recuperar e difundir a memoria histórica e avanzar no autogoberno e con capacidade para decidir de maneira soberana sobre os nosos intereses
No acto de celebración do aniversario do Estatuto de Autonomía do 36, o candidato pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas mostrou o seu convencemento de que “só cun goberno nacionalista, Galiza acadará un novo status político”. Rivas afirmou que o vindeiro 12 de Xullo, todos os galegos e galegas teremos a oportunidade de elixir “un goberno presidido por unha muller nacionalista, Ana Pontón”. Ese goberno do BNG, recalcou o candidato, “sacará a Galiza da inacción e devolverá o pulo aos nosos sectores produtivos, aos servizos sociais e as liberdades”.
Hoxe, os galegos e galegas queremos avanzar, somos un país rico, con talento e recursos e toda esta riqueza, aseverou Rivas , debe reverter no noso país, Debemos acreditar en nós, e poñer en marcha unha nova Galiza para non continuar na submisión aos intereses alleos. “Podemos facelo realidade o 12 de xullo cun goberno do BNG que goberne para todos os galegos e galegas”.
Galiza, un estado soberano con autogoberno real para decidir
Pola súa parte, o deputado no Congreso, Néstor Rego destacou que o actual “marco estatutario” non dá solución aos principais problemas sociais, económicos, culturais e políticos de Galiza, de aí, dixo a necesidade dun cambio de status para que Galiza reforce a súa “capacidade para decidir por si propia” e de “maneira soberana”. Esta é a posición que defende o Bloque Nacionalista Galego e que socialmente “cada vez é máis compartida”. Ter capacidade para decidir, explicou Rego, é “a premisa para facelo en función dos intereses do noso país” e estamos comprobando que cando se toman decisións a 600 Qm en Madrid ou 1.800 en Bruxelas, moitas veces esas decisións prexudican os intereses de Galiza, na pesca, no agro o na política industrial. Esta realidade reforza a posición do BNG para que Galiza poida libremente decidir sobre os seus asuntos e poder promover un desenvolvemento social e económico para mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas.
Na súa intervención, Néstor Rego reclamou “rescatar a memoria histórica e difundila”. Hoxe, explicou é o aniversario do referendo do Estatuto de 1936 e onte foi o aniversario da proclamación en 1931 da República galega e eses son os nosos referentes como Castelao que representa “a nación, a soberanía a república e a patria”. Son os nosos referentes porque continúan sendo os nosos obxectivos. O Partido galeguista defendeu o estatuto pero foi crítico co seu contido e a redacción de Carvalho Calero era “máis ambiciosa á hora de defender a capacidade de decidir no noso país”, definindo a Galiza como “un estado libre dentro da República” pero con todo, abondou Rego, os autores do estatuto consideraron que era un paso necesario.
No acto para celebrar o aniversario do Estatuto de Autonomía do 36 celebrado hoxe na Praza do Toural en Santiago tamén participaron: o escritor Suso de Toro, a portavoz municipal do BNG no concello de Santiago, Goretti Sanmartín e a candidata ao Parlamento galego nº 7, Iría Carreira.