parlamento galego

O 75% das empresas galegas, con máis de cincuenta traballadores e traballadoras, carecen de Plan de Igualdade

Carmela González
Carmela González destacou que  ENCE, COREN, FINSA, Estrella de Galicia ou  Frigolouro e outras moitas empresas non contan co Plan de Igualdade ao igual que a  Xunta e o Parlamento galego  

A través dunha pregunta  parlamentaria formulada ao goberno pola deputada do BNG, Carmela González, sobre a implantación do plan de igualdade en empresas de máis de cincuenta traballadores e traballadoras, a directora xeral  de Relacións Laborais, Elena Mancha Montero de Espinosa confirmou ao BNG que  o 75% das empresas carecen deste plan e que coincidía coa nacionalista na importancia da súa implantación nos centros de traballo.

Para a deputada do BNG resulta  “chamativo” que na actualidade empresas galegas con máis de 50 traballadoras  “obrigadas” a contar co Plan de Igualdade  incumpran  o Real decreto lei do ano 2019, de medidas urxentes para garantir a igualdade de trato e oportunidade entre homes e mulleres no emprego e na ocupación e mostrou a súa confianza en que as mesas de traballo que  continúan abertas para elaborar os plans, pronto poidan finalizalo.

 Os plans garanten a igualdade de trato para as mulleres nas empresas

Os plans de igualdade no emprego e na ocupación, explicou a nacionalista,  teñen como misión “garantir a igualdade de trato e oportunidades para as mulleres nas empresas, así como a eliminación de situacións de discriminación por razóns de sexo” e recalcou que a  consellería de Promoción do emprego e Igualdade da Xunta,   “debe velar porque todas as empresas, de máis de 50 persoas empregadas, conten con un Plan de Igualdade”. Só desta maneira, dixo, o Goberno Galego poderá garantir os dereitos laborais das mulleres no noso País.”

Tras a intervención da directora xeral de Relacións laborais, Elena Mancha que confirmou que as empresas que contan co Plan de Igualdade non acadan o 25% en Galiza, a nacionalista lembrou que pasaron “tres anos” e aínda non se actualizaron os Plans de Igualdade. Entendo, dixo,  que é un proceso complexo no que están a traballar os sindicatos e a administración, pero estamos constatando  que “este traballo vai máis lento do previsto”.

Os sindicatos, explicou a deputada,  non se queixan das empresa pequenas, que son maioría, refírense ás empresas con máis de 50 traballadores e traballadoras como “ENCE, Magna Seatings, GKN, Bolton Food, FINSA ,COREN, FRIGOLOURO, Hijos de Rivera (Estrella de Galicia), Jevaso,Bimba & Lola, Dalpfhi Metal, Pesca Puerta, Mascato e outras, grandes empresas que “carecen de Plan de Igualdade” a pesar de contar coa capacidade suficiente para  facelo e coa colaboración dos propios sindicatos.

Para a nacionalista, non só as empresas incumpren a lei nesta materia, “a propia Xunta de Galiza leva anos negociando un Plan de Igualdade cos sindicatos que está paralizado pola propia administración”.

Carmela González insistiu que as  grandes empresas  contan con persoal asesor e equipos legais que poden facilitar a elaboración e posta en marcha do Plan de Igualdade. Sabemos, advertiu  que “tardaremos un pouco en implantalos nas empresas pequenas por dificultades intrínsecas” pero urxe marcar “unha liña vermella” para obrigar as empresas con capacidade e non o están a facer  porque en moitos casos nin sequera tentaron negociar cos sindicatos.

A deputada do BNG transmitiu á directora xeral de Relacións laborais a benvida de todas as medidas que enunciou destinadas a conseguir unha verdadeira igualdade entre homes e mulleres pero cominou a membro do goberno a seguir traballando para acadar a posta en marcha do Plan de Igualdade nas empresas, e naquelas que non reaccionen, sentenciou, “deberán recibir un aviso e se non responden ao requirimento, unha sanción”, concluíu.