Ana Pontón

O 28A é a oportunidade para que Galiza sexa recoñecida e respectada, tras unha lexislatura perdida

Nas eleccións do 28 de Abril non haberá maiorías absolutas e os galegos e galegas poderemos usar os  votos para que Galiza conte con voz propia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe en Lugo que “o 28A é unha oportunidade para que Galiza sexa recoñecida e respecta tras unha lexislatura estatal perdida”.

No acto de presentación da candidatura ao Congreso e Senado pola provincia de Lugo, encabezada por Maite Ferreiro, Pontón reiterou a necesidade de que Galiza adquira peso para acabar coa discriminación e afirmou que si  “Galiza está discriminada, Lugo o está dobremente” porque foi a “grande esquecida nas infraestruturas”. Temos as mesmas vías de ferrocarril que cando se puxeron en marcha e cun deseño  exclusivamente preocupado de como chegar pronto a Madrid.

As grandes promesas en infraestruturas que pasaban pola autovía Santiago-Lugo quedaron en papel mollado e só contamos con tramos pouco significativos. Neste sentido, criticou “o pasotismo das forzas estatais” que non se preocuparon de resolver esta vía de comunicación. Pero este pasotismo, explicou, non é so das forzas da dereita, porque comprobamos nesta lexislatura como para as  forzas políticas da esquerda española, “Galiza non pinta absolutamente nada”. Galiza non pintou nada   nos orzamentos do Estado  pactados entre o Partido Socialista, Podemos e En Marea e que significaron  unha “labazada na cara de todos os galegos e galegas”.

Pontón afirmou que as eleccións Xerais do 28A son “unha oportunidade” para cambiar de rumbo e nun contexto sen maiorías absolutas, “1,2,3 deputados e deputadas do BNG son o máis útil que podemos ter os galegos e galegas”. Os nosos deputados e deputadas  defenderán os intereses de Galiza e porán “freo a extrema dereita botada ao monte” e que cada día demostra contar cun “programa de retroceso” no ámbito social, para as mulleres e para a lingua galega.

GALIZA PENALIZADA POR PRODUCIR ENERXÍA

O BNG presentase a estas eleccións para que os galegos e galegas teñan unha “voz que defenda a nosas lingua, cultura, e un novo marco que deixe de poñer atrancos ao noso desenvolvemento”. A portavoz nacionalista manifestou que  están moi ben “os venres sociais pero o que non nos gustan son os martes negros nos que nos enteramos da publicación dunha resolución para que os galegos e galegas paguemos a luz máis cara”. Pontón recalcou que é “un escarnio” que nos penalicen por producir enerxía.

Queremos, engadiu, deixar atrás os recortes e criticou que, tras unha lexislatura non foran derrogadas: A lei mordaza, a LONCE nin as Reformas laborais que “nos precarizan” polo que reiterou que “Galiza debe ter unha voz propia,  sen dependencias nin ataduras”, esa voz propia é a do  BNG, con persoas honestas e traballadoras como Maite Ferreiro que encabeza a candidatura ao Congreso pola provincia de Lugo e que representa a “Galiza do interior, feminista e que confía nas posibilidades do país”.

O BNG RECLAMA UNHA REDE FERROVIARIA QUE COMUNIQUE LUGO

Pola súa parte, a cabeza de lista ao Congreso, Maite Ferreiro destacou o “grande compromiso” de todos os homes e mulleres que conforman a candidatura do BNG ao Congreso e Senado. Compromiso dixo, que pasa pola defensa  dunha rede ferroviaria adaptada ás necesidades actuais porque “dende Lugo non podemos ir a Compostela en tren nin por autovía.” Monforte, engadiu, segue sen o Porto seco e en Lugo, prométese unha intermodal  que no chega.

Ferreiro denunciou que tampouco existe comunicación ferroviaria coa Mariña e comprometeuse a defender no Congreso as demandas neste ámbito. Ademais asegurou que o BNG “fará de valo de contención” contra as políticas neoliberal, patriarcais e privatizadoras que tanto dano causaron e causan ás persoas con menos recursos.

O BNG é necesario para impedir políticas que están despoboando o rural e eu mesma, explicou, formo parte dunha xeración que marchamos e as que quedaron, despois de moito traballo ven como agora teñen que emigran as súas fillas e fillos.

“Co BNG, Lugo estará en Madrid”, concluíu.