25-N: O BNG celebra unha "festa" para converter en "heroínas" ás vítimas de violencia de xénero

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a responsábel da Comisión de Acción Feminista do BNG, Goretti Sanmartín, presentaron esta mañá en rolda de prensa a campaña polo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O acto central deste ano será, tal e como anunciou Goretti Sanmartín, unha “festa de soterramento do patriarcado”, un acto simbólico co que se trata de converter en “heroínas ás vítimas da violencia den xénero”. Será o sábado, 24 de novembro, cun cortexo que parte da praza do Toural ás doce da mañá e chega ao cemiterio do parque de Bonaval á unha da tarde.

En concreto, a responsábel da Comisión de Acción Feminista referiuse ás catro mulleres mortas neste 2012 a mans das súas parellas, “Julia, Tina, Iria e Marisol” e fixo un especial chamamento para que todas as mulleres partillen esta “festa” que se celebra o día 24 para convertelas en “heroínas”.

“Queremos que sexa un acto da cidadanía indignada”, explicou Goretti Sanmartín, ao tempo que apuntou que o problema da violencia de xénero “non está na crise, pero si se agudiza a indefensión das mulleres ante os recurtes nos recursos que serven de colchón ás persoas que denuncian”.

Neste sentido, tamén salientou que o BNG ten presentado mocións en todos os concellos e está a realizar actos comarcais que enfatizan este aspecto da necesidade de que a crise non sirva de coartada para reducir o apoio ás mulleres que padecen violencia de xénero.

Problema enquistado

Pola súa banda, o portavoz nacional afirmou que a violencia machista é “un problema enquistado socialmente” que temos que combater “activamente mulleres e homes, as administracións e as forzas políticas”.

Guillerme denunciou a “ausencia de compromiso do PP para a erradicación da violencia” e criticou que aínda non teña expulsado a Castelao Bragaña após as súas declaracións que constitúen unha mostra de “terrorismo contra as mulleres”.

O portavoz nacional resaltou que o BNG leva este problema ao plano institucional “dando o debate sobre a necesidade de recursos para combater a violencia de xénero e tamén á rúa fomentando alternativas”.

 

http://youtu.be/8IcNazhEZOU