18 meses de escano no Parlamento Europeo

O BNG finaliza hoxe o seu tempo de escano no Parlamento Europeo tras 18 meses de intenso traballo político en defensa dos intereses de Galiza a través da eurodeputada Ana Miranda quen, como responsable de Política Internacional da Executiva da formación nacionalista, vai continuar presentando iniciativas na Eurocámara en todos os temas relevantes para o país, a través da coalición na que o BNG concurriu en 2009 ás eleccións europeas e do grupo parlamentar Verdes-Alianza Libre Europea, no que está integrado o BNG no Parlamento Europeo.

O BNG acudiu ás pasadas eleccións europeas dentro da coalición Europa dos Pobos-Verdes, con outras formacións nacionalistas e de esquerda do Estado español, acadando un escano que estivo inicialmente ocupado polo ex eurodeputado e actual líder de ERC, Oriol Junqueras, posteriormente pola eurodeputada nacionalista e finalmente polos representantes de Aralar e da Confederación dos Verdes.

Durante estes 18 meses de escano, o BNG focalizou os seus esforzos e iniciativas políticas na Eurocámara na defensa dos sectores produtivos de Galiza, coincidindo coa reforma da futura Política Agraria Común (PAC), da Política Pesqueira Común (PPC), coa negociación dos fondos estruturais ou co deseño da futura Rede Transeuropea de Transportes, coa demanda de inclusión do porto de Vigo como infraestrutura nodal como principal demanda. A defensa do sector naval galego foi un dos temas centrais do traballo do BNG mantendo reunións co Comisario Almunia, interpelacións directas ao Presidente da Comisión Europea e iniciativas ao respeito.

Ao mesmo tempo, o BNG utilizou o escano para servir de ponte entre Bruxelas, a cidadanía galega e os sectores produtivos e sociais do país, facilitando que tivesen voz e relación directa ante as institucións comunitarias ao máximo nivel, tanto no Parlamento como na Comisión Europea. Neste sentido, levou ante a UE as propostas dos representantes do sector agrario, do sector pesqueiro, dos afectados polas preferentes, dos colectivos que se opoñen a megaminería contaminante ou dos colectivos que reclaman unha xestión de resíduos alternativa á incineración, entre outras.

Outro aspecto fundamental do traballo do BNG na Eurocámara foi o relacionado cos aspectos sociais, de igualdade de xénero, medio ambientais e de preservación do territorio en colaboración directa cos colectivos sociais máis activos e implicados. Salientar as denuncia presentada na Eurocámara polos afectados pola estafa das preferentes, posibilitando tamén un encontro directo cos responsables da Comisión Europea, a proposta da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) para o premio Cidadán Europeo 2013, ou a denuncia polo incumprimento da normativa comunitaria do sistema de tratamento de residuos galego.

O BNG foi o principal impulsor da delegación de investigación ás Rías galegas, para atender as ducías de denuncias presentadas por distintos colectivos desde 1999 e, sobre todo, como medida de presión ante a Xunta e o Goberno central para acadar o saneamento integral do litoral galego.

E tamén dende unha visión internacionalista, o BNG defendeu numerosas iniciativas en favor do dereito de autodeterminación dos Pobos, en atención ás relacións da Unión Europea cos países de América Latina, e en atención aos dereitos de pobos como o palestino, saharaui, kurdo e mapuche.

En definitiva, 18 meses de intenso traballo para converter o escano do BNG no escano de Galiza na Unión Europea, para defender os intereses do país en clave galega e para dar voz directa á cidadanía galega, a todos os colectivos económicos e sociais, tanto no Parlamento como na Comisión Europea.