XII Asemblea Xeral da ALE en Santiago: tempo de autoderminación para construír unha Europa dos pobos
É o momento en que os pobos de Europa poden expresar que queren tomar nas súas mans os instrumentos para gobernarse, as ferramentas para camiñar na dirección que nos permitan ser donos dos nosos destinos, que nos permitan manter a nosa economía produtiva, crear emprego e participar directamente na construción doutra Europa, explicou Vence.
Ante os responsables políticos das 40 organizacións que integran a ALE, incluídos os eurodeputados e eurodeputadas, Vence salientou que nos últimos anos, 16 nacións europeas conquistaron a súa total soberanía: Os que hoxe estamos aquí aspiramos a formar parte desa corrente, estar en Europa con soberanía plena e poder formar parte dunha Europa libre, democrática, xusta, de cohesión que sexa realmente a casa común de todos os pobos europeos.
Vence subliñou a importancia desta XII asemblea porque coincide con dous acontecementos relevantes, as eleccións ao Parlamento Europeo e os referendos de independencia de Escocia e de libre decisión en Catalunya, dous momentos especialmente importantes no movemento soberanista europeo,
Para o portavoz nacional, as aspiracións dos pobos de Europa aos que representa o BNG, ERC, o Partido Nacionalistas Escocés e as restantes organizacións políticas integradas na ALE están motivadas pola necesidade imperiosa de participar sen intermediarios no marco europeo, e defender con voz directa en Bruxelas os intereses e o benestar da nosa cidadanía.
Vence salientou as nefastas consecuencias da falta de soberanía fronte aos mercados globais e os grandes poderes económicos no marco desta crise global, e argumentou que é preciso ter as ferramentas propias dun Estado e ter a vontade política de querer utilizalas, para defender a economía produtiva, o emprego e as conquistas sociais nun mundo cada vez máis desregularizado onde os lobbies financeiros impoñen as súas regras.
Cinco niveis administrativos
O dirixente do BNG fixo referencia ao lema da asemblea, Tempo de autodeterminación, non só como unha aspiración democrática, senón tamén pola súa funcionalidade. A soberanía de Galiza, Euskadi ou Catalunya é tamén unha camiño de simplificación dos absurdos cinco niveis administrativos do Estado español que son fonte de ineficiencia e de gasto innecesario, que deben ser suprimidos. Unha forma de facelo é a través da presenza directa dos nosos países na Unión Europea, alegou.
Galiza, dobre motivación
O BNG considera que Galiza ten motivos engadidos para avanzar no seu autogoberno, nun momento en que o PP está a promover unha recentralización e unha xibarización das propias institucións, debilitando a democracia aproveitando o control da Cámara para perpetrar un auténtico atentado contra a calidade da nosa democracia. Por iso temos motivos engadidos para aspirar a autogobernarnos.
Candidatura ás europeas
Na súa comparecencia, o dirixente nacionalista explicou a preguntas dos medios que a candidatura do BNG ás europeas está sendo debatida agora por toda a militancia porque somos unha organización democrática na que cada militante ten opinión, criterio propio e voto, salientou, tras asegurar que a candidatura final do Bloque aos comicios do 25 de maio será a que finalmente decidan todos os militantes da nosa organización a través de procesos democráticos nas asembleas.
Conferencia política
As 40 organizacións da ALE representan a diversidade nacional, lingüística e a loita polos dereitos dos pobos na Eurocámara, entre eles Aralar, EA, ERC, Bloc Nacionalista Valenciá, PSM-Entesa, Nova Canarias e do Partido Andalucista, dentro do Estado español. Partido Nacionalista Escocés (SNP), Partido Nacionalista de Flandes (N-VA), e do Partido de Gales (Plaid Cyrum) entre outros, ata un total de 150 representantes que se darán cita en Galiza.
Para o BNG, esta XII Asemblea é unha oportunidade para que se visualice que son moitas as forzas políticas que defenden outro modelo de Europa alternativo ás políticas da Troika e aos lobbies financeiros, e que se presentan aos comicios de maio para levar a voz da cidadanía e defender os intereses da xente do común, das Pemes e dos sectores produtivos fronte a especulación bancaria que xera inxustiza social, pobreza e perverte a democracia.
A segunda xornada da asemblea da ALE coincide coa celebración dunha conferencia política do BNG que inaugura o portavoz nacional, Xavier Vence, e que tamén conta coa participación do eurodeputado de Europa dos Pobos, Iñaki Irazabalbeitia, o secretario de Política Internacional de ERC, Jordi Solé, e a eurodeputada nesta lexislatura, Ana Miranda.