Xavier Vence anima a participar nas mobilizacións contra a Troika

O portavoz nacional do BNG participou nun acto en Moaña que congregou máis de 150 persoas e destacou o labor das negociacións en Bruxelas para que a flota cefalopodeira poida volver faenar en Mauritania

O Morrazo, 31 de maio de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou este serán en Moaña nun acto enmarcado na campaña “Non é unha crise, é un roubo” onde fixo un chamamento a participar na convocatoria europea dos pobos contra a Troika que tamén se desenvolverá este sábado en diversas cidades galegas. No acto estiveron tamén o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Millán, e a responsábel comarcal, Pilar Blanco.

“Esta será unha nova oportunidade para protestar contra as imposicións da Troika, da Unión Europea, do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza que conducen á perda de dereitos sociais e laborais conquistados”, explicou na súa intervención, “pois do exame da Comisión Europea ás reformas do Goberno español despréndese que se produciu unha caída de soldos no sector privado dun 0,9%, como vén de publicar o INE, o que confirma o continuo deterioro do poder adquisitivo dos salarios”. Referiuse, así mesmo, ao “evidente fracaso da reforma laboral do PP que, ademais de abaratar o despedimento e de recortar os salarios, non serviu para frear a destrución de emprego, pois o número de parados e paradas aumentou case nun millón de persoas”.

Suba do recibo da luz e grandes beneficios para as eléctricas

Xavier Vence puxo en relación a evolución dos salarios e o emprego coas reformas impulsadas polo Goberno do PP para favorecer o capital financeiro e os oligopolios.

Referiuse en particular ás últimas noticias que certifican o “abuso das compañías eléctricas no Estado español, que seguen a subir o prezo da luz e a aumentar beneficios até o punto de que a súa marxe de ganancia é do 6,78% en 2012, mentres que a media do sector en Europa é do 2,62%”, con tarifas autorizadas polo Goberno que prexudican as familias e as empresas, en clara situación de desvantaxe con respecto a outros países que gozan dunha situación económica máis favorábel.

Sinalou tamén que, ademais de impor tarifas máis elevadas, “conseguiron trasladar ao público o pagamento do déficit eléctrico xerado pola liberalización do sector impulsada polo PP, de 28.000 millóns de euros, unha factura que terá que pagar a cidadanía”. Estes datos confirman o poder dos bancos, os maiores accionistas das empresas eléctricas, para impor medidas que os benefician aínda que dificulten a recuperación da renda das familias e impidan o apoio á economía produtiva.

Pactos de Estado PP-PSOE

“A saída da espiral do roubo pasa pola mobilización xeral da sociedade e o impulso de alternativas ás políticas de recortes sociais e recentralizadoras do PP e da Troika por parte das forzas de esquerda, nunca por pactos de Estado”, afirmou, “pois esta actitude do PSOE dálle cobertura precisamente ás políticas agresivas da Troika e do PP, cando unha alternativa de esquerda e progresista non pode fundamentarse en pactos que confirman a deriva das políticas neoliberais”.

Sinalou que, de confirmase estes acordos co PP, o PSOE confirmaría aínda máis a súa deriva cara a posicións de dereita, quedando completamente desfigurado como forza progresista.

Vence tamén cuestionou a falta de apoio á economía produtiva e ao emprego no Morrazo, coa repercusión da desfeita de Pescanova, e lembrou as accións desenvolvidas polo BNG en Bruxelas de cara a negociar un protocolo que lle permita volver faenar a flota cefalopodeira en Mauritania.