Votar BNG é votar País, é garantir o futuro para o noso naval e para a nosa mocidade
Jorquera, nun acto público esta tarde noite no Teatro Jofre de Ferrol, afirmou que unha comarca como a de Ferrolterra sabe ben de que está a falar cando fala de demolicións Feijóo ou de Feijóo mentirán, porque un dos principais motores económicos da zona, como é o sector naval, está totalmente paralizado a causa das políticas tanto da Xunta como do Estado como de Bruxelas.
Porque Feijóo vai facer o que acostuma a facer cando se achega un período electoral, prometervos o dique flotante e carga de traballo para Navantia. Pero hoxe máis que nunca, que comeza o xuízo do Prestige, sabemos do valor da súa palabra e da palabra dos cargos do PP.
Lei do Sector Naval
Logo de reivindicar a súa orixe ferrolana e de sumarse ao berro de Nunca Máis, "Nunca Máis Feijoó",o candidato do BNG reivindicou que Galiza é un país rico, só precisa dun goberno que crea nas súas potencialidades e poña o País a producir. No BNG defendemos que sexamos nós os que gobernemos os nosos recursos e poidamos decidir en Bruxelas sobre todos aqueles asuntos que nos afectan directamente, como todo o que ten a ver co naval.
Jorquera lembrou que cando era pequeno oía dicir que Galiza era a despensa de España, por iso amosouse convencido de que pondo o País a producir se pode xerar emprego e se pode saír da espiral perversa dos recortes do PP, que só traen consigo máis recortes e involución.
O BNG seguirá teimando polo dique flotante, o grande incumprimento de Feijóo, por levantar o veto á construcción civil en Navantia e por desenvolver un Plan Plurianual de Emprego Xuvenil
Para o candidato nacionalista, nestes momentos o escenario está totalmente aberto por iso fixo un chamamento a participar, a apoiar a quen ten demostrado ter como prioridade este País: o BNG, porque o cambio que precisa Galiza é posíbel, está da vosa man, vaise xogar por un puñado de votados.
Mocidade
Jorquera reiterou que este proxecto non se pode construir sen a mocidade, non hai País que poida ter futuro se a súa xente nova e máis formada sigue emigrando, por iso comprometeuse a desenvolver un Plan Plurianual de Emprego Xuvenil e a incorporación ao sistema galego da I D I de novos investigadores e tecnólogos.
Os dados coñecidos hoxe do Instituto Nacional de Estatística son demoledores, afirmando que cada mes se van de Galiza dous mil mozos entres 20 e 34 anos, por iso fago un chamamento especial a este electorado, para que vote rebelde, para que vote BNG.
Guillerme Vázquez
Asegurou que Galiza non se merece un presidente como Feijóo, un presidente claramente antigalego que convertiu o seu goberno nunha auténtica "fábrica de parados".
Ana Pontón
Afirmou que é o momento de "mollarse" e animou a facelo "por quenes sempre estivemos aí, do lado de todas as causas xustas, traballando cóbado con cóbado coa xente nas súas reivindicacións, de sanidade, de ensino, da cultura, pola lingua... Transformemos a protesta nas rúas en conciencia social e en voto ao BNG".
Ante unha asistencia de case 500 persoas, todos os intervintes coincidiron en denunciar os feitos ocorridos cos sindicalistas da CIG na noite de inicio de campaña e proclamaron que malia "a represión, non nos calarán".
http://youtu.be/dDUj5uqgCj0