Vence: "A UE e Almunia son o brazo executor da morte do naval galego"
Ao inicio da manifestación convocada en Vigo en defensa do sector naval, á que acudiron outros representantes institucionais como a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, Vence afirmou que a Comisión Europea e o Señor Almunia son o brazo executor da morte do sector naval galego para defenderen unicamente os intereses comerciais dos estaleiros de Holanda e Alemaña, que son os grandes beneficiarios da destrucción do naval galego.
Hora de plantarse ante decisións que non son xurídicas senón políticas
Xavier Vence censurou a actuación da UE porque non se basea en argumentos xurídicos, senón que é unha decisión puramente política e obedece á presión dos lobbies holandeses e alemáns, que son os que están a concentrar toda a contratación europea. Actualmente teñen unha posición hexemónica no mercado naval, levan todos os contratos debido á situación de parálise que sofren os nosos estaleiros desde que a UE abriu hai dous anos o expediente ao Estado español polo Tax Lease.
O portavoz nacional do BNG considera que se o Estado español non é quen de convencer á UE en condicións tan extremas, co perigo de perda de 87.000 postos de traballo no estado, uns 15.000 en Vigo, e a perda dun sector industrial básico, entón é que haberá que se declarar insubmiso e non pagar as bonificacións fiscais.
O Goberno ten que apostar forte fronte a UE
O que vale para Francia e outros países tamén ten que valer para Galiza e o Estado español, remarcou Vence en relación ao paralelismo existente co caso dos estaleiros franceses. Nese sentido, afirmou que é momento de plantarse, de dicer basta e de reaxir. Galiza non pode seguir soportando políticas que nos destrúen e debemos reaccionar. Nesa liña, demandou ao Goberno central e á Xunta que se intensifiquen as xestións, que se realice una acción seria e firme, presionando a Durao Barroso como Presidente da Comisión Europea. Ten que haber unha aposta seria porque é moito o que nos xogamos, engadiu.
Criticou a dupla vara de medir da UE e de Goberno como o español que outorgan un tratamento compracente e xeneroso coa banca para salvala mentras condenan ao ostracismo e á desaparición ao sector naval e outros sectores productivos.
Lembrou o portavoz nacional do BNG que o sector naval ten un peso económico importante na nosa economía. Polo tanto, é unha decisión irresponsábel, cruel e inadmisíbel a decisión da UE de conducir aos nosos estaleiros cara a súa desaparición. Puxo de manifesto que devolver as axudas do Tax Lease desde o 2005, unido á pésima política do Goberno español sobre o naval, unido a outras decisións da UE que limitan a nosa producción, e a falla de crédito finaneiro son un cóctel imposíbel de tragar para o sector.