Vence: A resposta da U.E non é definitiva. A cuestión é si existe vontade para construír o dique"
Xavier Vence culpa ao Goberno central de facer unha consulta informal a U.E trufada de debilidades, sen rigor e de mala gana. O BNG pide que Feijóo compareza na Cámara galega para dar explicacións
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado da portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda compareceron hoxe ante os medios de comunicación co fin e valorar a resposta da Dirección xeral da Competencia da Comisión Europea sobre a consulta realizada polo Goberno central acerca da construción do dique flotante na ría de Ferrol.
Vence afirmou que a resposta da U.E sobre esta cuestión non é definitiva e culpou ao Goberno central de ter formulado unha proposta, por presión social e política, pero de mala gana e a Unión Europea, pola súa parte, xa puxo de manifestou as debilidades da consulta.
Por outra parte, o Grupo parlamentario do BNG pide a comparecencia de Feijóo na Cámara galega e unha reunión urxente da Deputación permanente.
Dique flotante, nicho de mercado fundamental para Navantia-Ferrol
O nacionalista recalcou que o dique flotante é unha saída e requisito necesario para xerar carga de traballo nun estaleiro que permanece pechado e explicou que a construción e reparación de grandes buques converteríase nun nicho de mercado que Navantia Ferrol necesita para o futuro, sobre todo atendendo a posta en funcionamento do novo canal de Panamá.
Galiza precisa Soberanía para decidir e negociar en Bruxelas estratexias diferentes ás de Madrid
Asemade, para Vence, o dique é unha realidade que se pode cumprir si existe unha vontade política firme por parte do Goberno central. Queremos que Feijóo se comprometa diante da cidadanía de Ferrol e de Galiza a traballar para conseguir a construción do dique.
Para o portavoz nacionalista, resulta fundamental que Galiza conte con capacidade para construír e promover un sector estratéxico e clave da súa economía, para isto, dixo, é necesario que contemos con soberanía: Galiza ganaría se negociara outras estratexias en Bruxelas porque o que está claro é que Madrid non negocia atendendo aos nosos intereses, denunciou.
O BNG desminte limitacións de cartos públicos para o dique
Non existen razóns que limiten as subvencións públicas ao dique, aseverou Vence. As axudas do Estado, en contías superiores ao 15%, son viábeis sempre que o territorio ás que son destinadas cumpran determinados requisitos e Ferrol- Terra cúmpreos de xeito clamoroso. Entre as condición destacou: un déficit de desenvolvemento do territorio e unha situación de paro estrutural elevado. Na comarca de Ferrol existe un 32% de desemprego e un declive económico permanente polo tanto, cumpre perfectamente os criterios de Competencia a nivel europeo e no caso de Ferrol, non hai razóns que limiten subvencionar con cartos públicos o dique flotante.
O dique flotante non fica varado por unha decisión formal, a decisión é política
Pola súa parte, a portavoz do BNG na Unión Europea, Ana Miranda reiterou que a decisión da U.E non é definitiva e criticou ao Goberno central por facer mal o seu traballo.
A nacionalista afirmou que o dique non fica varado por unha decisión formal, fica varado por falta de vontade política e criticou que ante o anuncio da U.E, o Goberno central e a Xunta non se pronunciaran publicamente contra unha decisión trascendental para a comarca de Ferrol-Terrra.
O BNG empraza ao Goberno do Estado e a Xunta a actuar con responsabilidade e explicar o acontecido
A portavoz do BNG en Europa recalcou que a resposta de Competencia responde a unha solicitude informal do Goberno central, como xa afirmou o Comisario Almunia o pasado mes de abril deste ano e cuestionou os termos da consulta dos que dixo, non queremos sospeitar pero resulta chamativo que se formulara con pouco rigor e seriedade.
O BNG empraza ao Goberno estatal e a Xunta a actuar con axilidade e de maneira responsábel neste asunto e abandone as falsas promesas como as formuladas por Feijóo nas pasadas eleccións europeas sobre a construción do dique e o impulso ao sector naval.
Neste sentido, abondou en que o sector está indefenso ante as múltiples promesas do Partido popular incumpridas. A parálise para o levantamento do veto, o plan de Industrialización ou o plan Ferrol fan que perde competitividade e sumando agora un dossier tímido, pouco rigoroso e falto de seriedade para solicitar a construción do dique flotante.
Non hai agosto, verán ou vacacións para deixar tirado o sector naval e o BNG vai estar aí para defendelo
O Grupo parlamentario do BNG pide unha reunión urxente da Deputación permanente e a comparecencia de Feijóo na Cámara galega para explicar o acontecido.
Ademais, a nacionalista avanzou que o BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento galego interpelando á Xunta sobre as actuacións do Goberno galego tras o ditame da Comisión europea, iniciativas que estenderá ao Congreso e Parlamento europeo coa petición de investimentos financeiros e crediticios necesario para presentar ante Bruxelas outra consulta de axudas públicas compatíbeis. Non imos permitir que outra vez máis a comarca de Ferrol quede varada.