Vence pide a Feijóo "que se poña as pilas" na defensa do sector leiteiro galego, clave para o rural
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, instou desde a Feijóo a exercer como presidente galego e tomar a rendas da defensa do sector leiteiro, cuxo futuro defenderon miles de persoas na tractorada convocada en Lugo.
O Bloque esixe á Xunta e a Feijóo que se poña as pilas, que se poña a fronte da defensa do sector leiteiro galego, que esixa ao Goberno central un cambio lexislativo na regulación dos mercados para que o sector lacteo galego teña prezos xustos, para que o sector leiteiro galego modernizado teña futuro e sexa unha fonte de emprego e de rendas para contribuír un mundo rural vivo, unha necesidade perentoria para Galiza, reclamou Vence.
O dirixente nacionalista advertiu que sen sector lácteo o rural afondaría no seu despoboamento e sería pasto dos lumes. Despois do abandono do rural veñen os incendios e todos os demais desastres sociais e ecolóxicos que estamos padecendo no país, subliñou o portavoz nacionalista, de aí o compromiso de toda a sociedade na defensa deste sector.
Non é unha loita só dos gandeiros e ganderias, dos labregos e labregas, senón do conxunto da sociedade porque co sector leiteiro vai en boa medida o futuro de Galiza, argumenta.
Non ás esmolas
Neste sentido, o Bloque propón solucións inmediatas para o sector leiteiro que non pasan por meras esmolas para algunhas explotacións, indica Vence. Por contra, requeire cambios lexislativos que impidan a posición de forza que lles permite á industria e as cadeas de distribución extorsionar aos gandeiros e gandeiras con prezos por debaixo de custe e amezas de non recollida do leite.
Ha que acometer reformas de fondo sobre o funcionamenteo do mercado do leite, mudando a lei do PP da cadea alimentaria e obrigando á industria a as cadeas de distribución a respectar unhas regras de xogo que garanticen aos produtores prezos que cubran os custes de produción, en lugar de poñer ao sector leiteiro contra as cordas nunha situación de auténtica ruína que leva ao peche progresivo de explotacións e ao conseguinte abandono do medio rural, concluíu Vence desde Lugo.