Vence pide a Feijoo a dimisión de todos os cargos do PP implicados na trama de corrupción Pokemon
Núñez Feijóo debe implicarse e esixir ao alcalde de Santiago e aos concelleiros implicados, -10 dos 13 que ten o grupo municipal-, a súa renuncia inmediata, salientou Vence, para quen o Goberno que preside Angel Currás é o paradigma da forma corrupta de gobernar do PP, usando as institucións para crear redes clientelais.
Ten moito que dicir, insistiu Vence, e non pode agocharse tras ningún parapeto, ten que dar a cara porque os responsables de goberno municipal do seu partido nas principais cidades deste país están comprometidos, e debe esixir a dimisión de todos os responsables do seu partido implicados na trama.
O dirixente nacionalista denunciou que o sumario deste caso deixou ao descuberto as miserias dos dous partidos estatais.
É unha radiografía das cloacas do poder político do PP e do PSOE en Galiza, en particular nos concellos das cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense, unha forma de entregar os intereses da cidadanía a empresas privadas para todo tipo de corruptelas, que deixa ao descuberto as tripas das redes corruptas do PP e do PSOE e como entregan os intereses da cidadanía a empresas privadas, denunciou.
A falacia do "todos son iguais"
Neste sentido, Vence instou á cidadanía a rebelarse contra estas prácticas corruptas, e subliñou a falacia do todos son iguais coa que o PP quere estender o seu lixo a todos os partidos políticas, porque o BNG demostra cada día que se pode gobernar con honestidade.
Instamos á cidadanía a ter en conta que esa mensaxe da dereita de que todos somos iguais é absolutamente mentira. Son o PP e o PSOE quen deben render contas pola súa forma de gobernar, argumentou.
Por contra, subliñou a honestidade dos nosos cargos públicos que non aparecen manchados neste sumario aínda que as alcaldías gobernadas polo BNG tamén foron tentadas, pero non conseguiron os seus resultados porque a fronte hai uns xestores honestos que non venden os intereses da cidadanía.
Non todos somos iguais, e o BNG pode demostrar que tendo responsabilidades de goberno non está afectado por esas prácticas corruptas e podemos reivindicar a honestidade dos nosos responsables públicos, sabemos que a cidadanía non vai esquecer esta realidade, recalcou.
Consecuencias da privatización
O portavoz nacional tamén resaltou as consecuencias da política de privatización de servizos que considera, ao lado da deshonestidade dos implicados, a clave desta suposta trama de corrupción.
A privatización dos servizos públicos xunto coa baixa moral demostrada polos cargos do PP e do PSOE nos concellos afectados son a clave do entramado de corrupción xeneralizada que aflora no caso Pokemon, que se suma a outras tramas de corrupción similares como a Gürtel ou Bárcenas, explicou.
Vence resaltou que a privatización beneficia a empresas desaprehensivas, auténticas cazadoras de contratos por vías corruptas, e a uns políticos igualmente desaprehensivos que usan a súa posición nas institucións en beneficio propio e das súas redes familiares e clientelais, actuando como axencias de colocación incluíndo prácticas de financiamento ilegal.
É preciso parar esa febre privatizadora que desvía os impostos da cidadanía para enriquecemento ilícito, en lugar de para garantir servizos públicos de calidade. Hai que reverte ese proceso, concluíu Vence.
Xunto co portavoz nacional, o voceiro municipal no Concello de Santiago, Rubén Cela, así como reponsables políticos da comarca e membros da Executiva nacional do BNG, pediron na praza do Obradoiro a dimisión de tod@s implicad@s na trama Pokemon no Concello de Santiago, incluído o alcalde popular Angel Currás.