Vence pide aproveitar os comicios europeos para frear as políticas do PP contra a clase traballadora
Son datos arrepiantes que nos colocan nun día clase obreira no que hai moi pouco que celebrar, cunha situación calamitosa do emprego na que a metade da xente moza está fora do mercado de traballo ou collendo as maletas para a emigración, salienta o portavoz nacional, Xavier Vence, que cualificou de alarmante a situación dos asalariados e das familias e advertiu do aumento crecente de persoas que dependen dunha axuda pública.
Neste contexto, o BNG considera imprescindible que a cidadanía aproveita os comicios do 25 de maio para dicir basta ás políticas regresivas que o PP aplica en Galiza e no Estado.
Os traballadores e traballadoras e o conxunto da cidadanía debe empezar a cambiar o seu chip en canto ás prioridades políticas, e pensar que o 25 de maio ten a oportunidade de darlle a volta a esta situación votando contra as políticas da Troika e do PP, instou Vence. Desde o BNG traballaremos para acadar que a cidadanía galega aproveite esas eleccións para pór fora de circulación ao PP, á dereita europea e as políticas da Troika, recalcou.
Como alternativas, o Bloque propón unha reorientación radical das políticas e das prioridades económicas e de gasto público que deben ter como obxectivo apoiar aos sectores produtivos, que xeran riqueza e emprego, apostar por investir en I+D+i, así como unha reorientación radical das políticas laborais.
A modo de exemplo, Vence propón promover actividades como a rehabilitación e a eficiencia enerxética das vivendas, que xeraría emprego en pequenas e medianas empresas e en autónomos, en lugar de destinar os recursos a dar carga de traballo ás grandes construtoras.
O cambio tamén inclúe deixar de drenar recursos para a banca especulativa sen que flúa o crédito, -180.000 millóns de euros-, para os oligopolios eléctricos, -28.000 millóns de euros-, e para as grandes empresas de defensa. -32.000 millóns de euros.
Consecuencias das prioridades do PP: recorte do gasto produtivo, recorte en servizos e emprego público, recortes salarial e de dereitos laborais que se leva por diante a actividade económica, conclúe Vence.