Vence: "É inmoral que a banca teña beneficios mentres hai 500M estafados polas preferentes"
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na manifestación convocada polas plataformas de afectados polo roubo das preferentes de todo o país concentrados en Santiago, e reclamou a inmediata devolución dos 500 millóns de euros estafados que aínda non recuperaron os afectad@s tras meses de loita e sufrimento.
Son moitos meses xa de sufrimento loitando pola recuperación dos seus aforros que lles foron estafados tanto pola banca como pola lei do PP. É absolutamente inmoral que a estas alturas, cando a banca xa está tendo beneficios extraordinarios, que o PP non tome unha decisión definitiva para devolverlle os aforros estafados, criticou Vence.
O dirixente nacionalista considera inadmisible que o PP en Madrid, co silencio cómplice do Goberno de Feijóo, estea inmerso na estratexia de vender a entidade financeira cando xa ten beneficios millonarios, unha entidade como NGB que é capaz de devolver 1.100 millóns de euros a Bruxelas pero que, en cambio, non ten 500 millóns para devolver aos estafados. É unha absoluta vergoña, salientou o portavoz nacional.
Vence foi rotundo ao esixir ao PP que derogue a lei que consuma a estafa e se comprometa en serio cos aforradores afectados polo roubo. Igualmente, reclama a consolidación de NGB en Galiza como banca pública, evitando o espolio definitivo do aforro galego que planean o FROB e o Goberno central, mentres a Xunta presidida por Feijóo cala.
Como contribuíntes temos aportado 9.000 millóns de euros en NGB aos que hai que sumar os centos de millóns estafados polas preferentes e subordinadas, o que lle permite a entidade ter beneficios neste momento. Polo tanto, razóns sobradas para, por un lado devolverlle o diñeiro aos estafados e, por outro lado, que o diñeiro dos contribuíntes se utilice para consolidar NGB como a banca pública galega, concluíu Vence.