Vence: "Imos ás eleccións europeas cos deberes feitos, tras ser a voz de Galiza en Bruxelas"
O BNG arranca o proceso das eleccións europeas do 25 de maio cunha xornada de debate sobre o actual modelo da UE, das súas consecuencias para Galiza e sobre as alternativas da formación nacionalista para defender os intereses do País en Bruxelas, que se plasmarán no programa electoral.
O portavoz nacional, Xavier Vence, subliñou que o Bloque ten que afinar o discurso, con argumentos claros e concretos pero desde a confianza do traballo
Imos a estas eleccións cos deberes feitos, proclamou Vence ante 300 cargos, militantes e simpatizantes, demostramos que o BNG é a forza útil deste país, traballando arreo para levar ao Parlamento Europeo a voz dos intereses de Galiza, a voz dos sectores económicos, dos movementos ecoloxistas e sociais, a voz da dignidade deste pobo.
Vence salientou que a sociedade recoñece o papel do Bloque en defensa de Galiza na Eurocámara e instou a transformar en votos ese recoñecemento. Galiza existiu en Bruxelas porque o BNG estivo alí. Todos os galegos e galegas perciben e recoñecen iso e o que agora temos que transformar ese recoñecemento nunha marea de apoios de cara as eleccións de maio, subliñou.
Máis soberanía
O dirixente nacionalista salientou que o obxectivo nos comicios europeos é acadar presenza directa de Galiza na UE, apostando por unha gran coalición de forzas nacionalistas de esquerda, galegas e doutros territorios do Estado, para garantir a defensa dos intereses do país e, ao mesmo tempo, construír outra Europa dos pobos e non sometida aos grandes
A resposta non é máis Unión Europea, senón máis Galiza noutra Europa, unha Europa dos pobos, verdadeiramente democrática, social, xusta e respectuosa coa diversidade.
Neste sentido, Vence fixo fincapé na necesidade de camiñar cara unha Galiza máis soberana tamén en Europa porque é a falta de soberanía no Estado español a que lle impide ao noso país ser un suxeito político de pleno dereito na UE, a que lle impide a representación e a negociación directa dacordo cos seus intereses.
Fondos europeos
Puxo como exemplo das consecuencias desa falta de soberanía o discriminatorio reparto dos fondos europeos. Os fondos europeos son xestionados polo Estado con criterios centralizadores, as liñas mestras decídense en Madrid e Galiza recibe dos fondos agrarios e pesqueiros moito menos do que lle correspondería dada a importancia de ambos sectores na nosa economía.
Os fondos europeos recibidos por Galiza desde 2007 e ata 2020 será unha contía inferior aos 9.000 euros que nos custou a todos e todas as galegas rescatar NovaGalizaBanco, indicou.
Estes días vemos como na PAC española seguen mandando os terratenentes absentistas de secano que se apropiarán da maior parte dos fondos. Se os recursos dos fondos da PAC se aplicasen cos mesmo criterios que aplicará Franza, os noso sector agrogandeiro duplicaría as cantidades a percibir, denunciou Vence, quen salientou que por iso é preciso que Galiza teña voz propia en Europa.
Vence valorou o traballo desenvolvido pola eurodeputada Ana Miranda con propostas para mellorar as políticas europeas en beneficio dos nosos intereses nacionais e de da maioría que sofre as peores consecuencias do actual modelo de Europea neoliberal, con iniciativa e con competencia.
Ponencias
Esta xornada de debate que serve de inicio para a elaboración do programa electoral do Bloque, articulouse en catro paneis: A UE como modelo de capital globalizado, Impacto en Galiza das políticas económicas da UE, Vontade popular, soberanía, dereitos e liberdades dentro da UE, e A alternativa do BNG.
Entre os ponentes, Bernardo Valdés, Pilar García Negro, Edelmiro López Iglesias, Carlos Aymerich, Carme Adán, Ana Miranda, Bieito Lobeira, Alba Nogueira, Francisco Rodríguez, Rosana Pérez, Heitor López e Manuel Mera, tras as palabras de inauguración do presidente da FGS, que cualificou a actual UE superestrutura ao servizo do gran capital.
Todas as intervencións en vídeo na seguinte ligazón.