Vence: "O goberno de Feijóo está a financiar as minas que levan o ouro e deixan a contaminación"
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego participou esta mañá na mobilización contra a minaría salvaxe, unha multitudinaria manifestación en Santiago de Compostela á que acudiu o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, encabezando unha numerosa representación da Executiva Nacional, de representantes do BNG no Parlamento galego e concellos afectados.
En declaracións aos medios, o portavoz nacional reafirmou o apoio do BNG ás mobilizacións que se están a convocar en todo o país para oporse aos proxectos de explotación salvaxe dos recursos mineiros galegos por parte das multinacionais da minaría, lembrando que o problema non se limita ao caso de Corcoesto, senón que se estende a outras localizacións no territorio galego como Castrelo de Miño, a Terra Chá, a Limia ou a Serra do Galiñeiro, entre outros. Trátase dunha estratexia das multinacionais mineiras, apoiada pola Xunta, que vai abrir o país en canal sen respectar outros intereses que os destas empresas.
Neste sentido sinalou que a Xunta de Galiza, comezando polo seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, está a apoiar este proxecto irresponsable, que pón en mans das multinacionais mineiras os nosos recursos sen ningún tipo de planificación nin controis medioambientais ou sanitarios, deixando detrás unha pegada de contaminación para as xeracións actuais e, sobre todo, futuras. A colaboración da Xunta de Galiza chega ao extremo de estar financiando, con recursos de todos os galegos e galegas, os estudos pseudotécnicos que están realizando as empresas mineiras para o seu propio interese.
O portavoz nacional lembrou que o BNG está a impulsar unha intensa actividade parlamentaria e institucional para frear a explotación bárbara dos nosos recursos. En particular referiuse á iniciativa defendida por Francisco Jorquera no Parlamento galego para pedir a anulación da declaración positiva de impacto ambiental para a mina de Corcoesto ou ás propostas presentadas no mesmo sentido por Ana Miranda na Eurocámara.
Por último, o portavoz nacional reiterou a apoio incondicional do BNG ás mobilizacións que se están a realizar en todo o país e o compromiso de empregar os recursos a disposición do BNG para frear, e en último termo impedir, a posta en marcha de proxectos devastadores para o medio ambiente e para a saúde e intereses dos galegos e galegas.
Podes ver máis fotos da manifestación contra a mega-minaría na seguinte ligazón.