Vence : “Feijóo nin lexisla nin goberna, destroza e recorta o País”

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence participou hoxe nunha xuntanza co@s deputad@s do BNG presentes nos distintos parlamentos de Galiza, Estado e Europa para facer balance da actividade política e deseñar novas liñas de actuación cara o vindeiro período de sesións

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence participou hoxe na xuntanza interparlamentar cos deputados e deputadas desta forza política presentes nos parlamentos de Galiza, Estado e Europa ao fin de avaliar a actividade política e deseñar novas liñas de actuación cara o vindeiro período.

Vence salientou o importe labor realizado pol@s deputad@s do BNG resaltando o control rigoroso aos distintos gobernos e presentación de alternativas ás políticas “antisociais e de recortes” do Partido popular. O portavoz nacionalista destacou que o 70% da representación do BNG no Parlamento galego, Congreso dos deputados e Parlamento europeo corresponde a mulleres.

1.987 iniciativas en Galiza, 692 en Madrid e 2.000 emendas en Europa

Sobre o traballo do BNG nos distintos foros, manifestou que foron abordados todos aqueles sectores que atravesan unha situación crítica e o BNG, a través dos seus representantes conseguiu que Galiza e os intereses de todos os galegos e galegas tiveran unha presenza real, “no Parlamento galego foron presentadas, en sete meses, 1.987 iniciativas, en Madrid con Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, 692 con 410 intervencións, pola súa parte, Ana Miranda defendeu 2.000 emendas , 110 iniciativas e interveu 100 veces”.

O BNG, dixo, ten “unha digna representación e grazas a ela os problemas de Galiza teñen reflexo nos parlamentos”, o BNG “é útil nos parlamentos porque defende os intereses do noso país”, fronte á “ofensiva recentralizadora do Partido popular” que ademais tenta recortar a democracia coa redución de deputados e deputadas, “o PP quer degradar a democracia”, sentenciou.

Francisco Jorquera, a voz no Parlamento galego

Para o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera en Galiza, estamos a vivir as consecuencias dun goberno “submiso” á estratexia centralista do PP a nivel de Estado e o Goberno galego actúa como “unha mera delegación do Goberno de Rajoy”.

Jorquera denunciou a destrución do tecido económico galego e acusou ao Partido popular de “vender Galiza en parcelas”. Neste sentido, dixo, que o BNG realizou neste período de sesións “un traballo enormemente rigoroso” de oposición ás políticas lesivas do goberno do PP e presentando alternativas, “non houbo un só problema que afecte a Galiza que non tivera reflexo no Parlamento galego a través do BNG”, manifestou.

Entre as propostas defendidas polo grupo nacionalista destacou: as destinadas ao sector naval, reforma hipotecaria, medidas contra os desafiuzamentos, eliminación da quita aos preferentistas, a proposición de lei para suprimir as deputacións, establecer un imposto ás grandes superficies comerciais e todas aquelas que tiveran a ver contra os recortes en servizos públicos e sociais.

BNG, escano do pobo galego en Europa

Pola súa parte, a representante do BNG en Europa, Ana Miranda asegurou que Galiza alzou a voz e tivo presenza real grazas ao Bloque Nacionalista galego na política pesqueira e agraria así como noutras temáticas de índole social como os desafiuzamentos.

Galiza estivo representada no Parlamento europeo da man do BNG no saneamento das rías, tratamento dos fondos europeos, defensa do territorio fronte á megaminería contaminante e sobre todo na defensa dunha Europa dos pobos na que o noso país conte.

Miranda amosou a súa satisfacción polo premio “Cidadán europeo 2013” que a iniciativa do BNG e dous grupos máis foi concedido á plataforma de afectad@s polas hipotecas.

O BNG leva os problemas ás Cortes xerais

A portavoz do BNG nas Cortes, Olaia Fernández Davila manifestou que grazas a presenza do BNG no congreso dos deputados o “sector naval galego segue sendo un debate continuo ” na Cámara baixa e o sector pesqueiro e os sectores produtivos galegos están presentes a a través de diferentes iniciativas e propostas.

Por outra parte, o BNG propiciou, dixo, que se visualizaran as grandes contradicións do PP no congreso e nos restantes parlamentos como aconteceu coa votación contra a eliminación de quitas aos preferentistas votadas a favor polo PP en Galiza e en contra en Madrid.

Olaia Fernández Davila concluíu a súa intervencións asegurando que o BNG continuará cun labor de oposición ao Goberno en todas aquelas políticas económicas que prexudiquen a Galiza e á cidadanía galega economica e socialmente.