Vence cualifica de "tomadura de pelo" a reunión de Tejerina co Sector leiteiro
Xavier Vence afirma que as decisións do Goberno central e o desleixo da Xunta explican que en Galiza o prezo do leite estea 8 ou 9 céntimos por debaixo doutras Comunidades autónomas
O Portavoz nacional do BNG, Xavier Vence culpou hoxe ao Goberno central e ao desleixo da Xunta da grave crise do sector lácteo galego, e cualificou a reunión da ministra de Agricultura Isabel García Tejerina, de tomadura de pelo ao sector.
Nesa reunión, abondou, a ministra presentou un documento de 12 liñas trufado de propostas xenéricas e cantos á boa vontade ás industrias e distribuidoras para resolver un problema derivado dos intereses das propias industrias recollidos na lei do Partido popular.
A Xunta ten que intervir no mercado para impedir o abuso das industrias e distribuidoras
Vence considerou que a estas alturas, tanto a ministra como a conselleira e o propio Feijóo tiñan que defender medidas claras e contundentes de acción de goberno para regular e intervir no mercado e a industria e obrigar que se cumpran os contratos garantindo as compras por riba dos custes de produción porque o resto, dixo, é dumping e debería ser ilegal.
Dende o BNG, agardabamos un compromiso da ministra Tejerina para intervir nun mercado que sen regulación pública, estatal e da Xunta condenará ao sector leiteiro galego o esmorecemento. Onte na reunión quedou patente que a situación de Galiza é a máis grave e estrema, onde os prezos medios sitúanse nos 27 céntimos, 8 ou 9 céntimos por debaixo doutras comunidades como, Andalucía ou o País Vasco, e con explotacións que están producindo a perdas durante moitos meses.
A situación estrema do sector leiteiro é resultado dunha PAC lesiva para o sector
Neste sentido, o portavoz nacionalista lembrou que a nova PAC foi aplicada polo Partido popular ao que sumou a medida de liberalización do sector da distribución e servizos sen mediación do Goberno. A lei da cadea alimentaria aprobada polo PP, recalcou, estrangula ao sector produtor e pono nas mans dos intereses das grandes distribuidoras que marcan unilateralmente as condicións.
Tejerina acusa a Galiza de non tomar medidas estruturais
Na comparecencia ante os medios de comunicación para valorar a reunión co sector lácteo, o portavoz do BNG afirmou que a Feijóo debería caerlle a cara de vergonza despois de que a propia ministra acusara ao goberno galego de non tomar ningunha medida importante para estruturar o sector.
A ministra constatou onte o abandono da Xunta que explica a situación diferente de Galiza a respecto do resto das comunidades autonómas e tamén explica que teñamos o prezo máis baixo de todo o Estado.
O BNG inicia unha campaña baixo o lema Queremos producir
Finalmente, o portavoz nacionalista anunciou a campaña do BNG, que comezará maña baixo o lema Queremos producir, e o apoio a todas ás mobilizacións previstas polo sector. Entre as reivindicacións, Vence destacou a creación dun grupo lácteo de base cooperativa que permita boas condicións do prezo do leite ademais de diversificar os produtos derivados lácteos para xerar emprego e riqueza, así como unha Mesa interprofesional para negociar colectivamente os prezos.
Mobilizacións: Día 20- Vilalba, día 21 - Ordes, día 25 - Sarria e o día 27 en Teixeiro.