Vence: "Coa complicidade de Feijóo, lévannos o ouro de Corcoesto e deixan aquí arsénico e cianuro"
En declaracións aos medios, o portavoz nacionalista advertiu da ameaza para a saúde e para o ecosistema que supón o proxecto da mina de Corcoesto e amosouse moi crítico coa inconsciente e insensata política de Feijóo, que permite e subvenciona o espolio o dos nosos recursos minerais a beneficio dunha multinacional que vai deixar unha contaminación enorme de cianuro no noso país. Trátase dun proxecto de minaría dos máis agresivos co medio, xa que será unha mina a ceo aberto que utiliza as técnicas máis perigosas, como é o uso do cianuro para separar o mineral e o arsénico, engadiu.
Eles levan o ouro e aquí deixan o arsénico e o cianuro, alertou o portavoz nacional do BNG. Nesta liña, puxo de manifesto que a riqueza da explotación de Corcoesto, que vai estar aberta apenas un lustro, mentres dure a burbulla especulativa do ouro, vai voar integramente ás contas de Edgewater e aquí van quedar, durante décadas, toneladas e toneladas de residuos contaminantes perigosísimos.
Co visto e prace de Feijóo, uns poucos anos de explotación van deixar veleno que vai durar décadas ou séculos
Na súa intervención ante os medios, o portavoz nacional do BNG criticou que a Xunta de Galiza realizara un informe favorábel á mina da multinacional sen ter en conta as limitacións dos informes medioambientais, tal e como vén de recoñecer a Defensora del Pueblo, a raíz da denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), e tal e como veñen denunciando diferentes especialistas, técnicos e colectivos ecoloxistas.
Feijóo renuncia a poñer en valor os nosos recurso
Así mesmo, Xavier Vence acusou o Goberno de Feijóo de renunciar a poñer en valor os nosos recursos e de achegar subvencións extraordinarias a un proxecto tan contaminante (ao considerar proxecto industrial estratéxico). En Galiza, insistiu o portavoz nacionalista, tan só vai quedar a contaminación de cando menos 12 toneladas de cianuro e millóns de toneladas doutros residuos.
Pola outra banda, Vence advertiu de que se van crear moi poucos empregos, e de carácter temporal e precarios. Salientou, ademais, que a mina de Corcoesto ameaza con destruír moitos máis empregos na agricultura da zona, no marisqueo da Ría de Ponteceso e nas actividades turísticas da zona.
Por último, o portavoz nacional reiterou a solidariedade e apoio incondicional do BNG á veciñanza de Cereo e todas as que hoxe constitúen a Plataforma de Corcoesto e Bergantiños nesta batalla na que todos nos xogamos a nosa economía, a nosa saúde, o noso medio e a aposta por un modelo de desenvolvemento sustentábel.