Vence: "Cañete, cara dos intereses do terratenente andaluz e das políticas que esmagan o noso agro"
Cañete personifica os intereses desa aristocracia terratenente andaluza, as políticas que discriminan ao noso sector agrario e pesqueiro, é a cara que mellor representa esas políticas agresivas que estrangulan a capacidade dos nosos sectores produtivos e, polo tanto, provocan perda de emprego e aumento do paro, denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence.
Para Vence, a candidatura de Arias Cañete é un desprezo aos intereses galegos e implica, ademais, unha humillación para Feijóo, posto que a representación de Galiza se limita ao cuñado de Rajoy que nesta lexislatura se preocupou de temas tan importantes para Galiza como a unión do Mediterráneo ou o aceite de oliva. Feijóo asume o que ven de Madrid pese a ser obvio que a representación de Galiza é absolutamente ridícula e insignificante, lamenta.
A folla de servizos de Cañete con Galiza, explica Vence, inclúe un reparto dos fondos agrarios a beneficio dos grandes terratenentes facendo que Galiza perda 308 millóns de euros, o boicot a crear un fondo lácteo galego para compensar aos produtores polos 200 millóns de euros investidos na compra de cota de leite, que será papel mollado a partir de marzo de 2015, ou a súa negativa a fixar prezos mínimos para evitar vender por debaixo dos custes de produción.
Alimentos Lácteos
O dirixente nacionalista tamén denunciou que, coa complicidade de Feijóo, Cañete fixo naufragar a creación dun gran grupo lácteo galego con base cooperativa a partir da Alimentos Lácteos, porque se lle entregou aos amigos de Romay Beccaría que rematou coa empresa agora en proceso de liquidación e unha perda de seis millóns de euros aportados desde a Xunta.
O sector pesqueiro de Galiza tamén sofre as consecuencias das políticas de Cañete, como o reparto discriminatorio da frota do cerco, a expulsión da frota cefalopodeira de Mauritania, ou o prexuízo ao sector conserveiro fronte ás importacións de países como Papua-Nova Guinea ou Malasia.
En cuestións medioambientais, a xestión do candidato popular abre a porta á prórroga de Ence na Ría de Pontevedra, que pasará a ser decidida por Madrid, acelera a centralización da lexislación en medio ambiente e suaviza os necesarios estudos de impacto ambiental.
Galiza precisa unha representación directa en Bruxelas de quen, como o BNG, só responde á disciplina do pobo galego e dos intereses deste país, concluíu.