Vence: "As candidaturas BNG-Asembleas Abertas son o muro de contención contra a devastación do PP"
BNG-Asembleas Abertas presentou as candidaturas nas sete grandes cidades valorando como estratéxico o papel da Galiza urbana nos comicios do 25 de maio para deixar atrás ao PP e sentar as bases dun novo proxecto de país fuxindo de visións cantonalistas.
O portavoz nacional, Xavier Vence, subliñou que as cidades terán un papel chave no obxectivo de poñer as bases para empezar a pasar a páxina negra do PP, e as candidaturas BNG-Asembleas Abertas son a alternativa á dereita e ao centralismo. Temos a obriga de derrotar ao PP porque nos xogamos o futuro, enfatizou, e os concellos deben ser a punta de lanza desa derrota.
Vence, -que puxo Pontevedra como exemplo e aval de goberno do Bloque nas cidades-, presentou as candidaturas como muros de contención fronte aos recortes e garantía da loita sen cuartel contra a corrupción.
Estas candidaturas son muros de contención fronte ás políticas de recorte do PP, devastadoras no social, que destrúen as conquistas e nos someten ao centralismo. Neste contexto, o BNG propugna a insubmisión ante as políticas de privatización, empobrecemento e marxinación, como xa fai onde goberna. Aí somos baluartes nos que se ergue a bandeira da defensa da xente niso que temos denominado como espírito de Riotorto, explicou.
Vence subliñou as altas expectativas coas que concorre as eleccións do 25M, e salientou o papel de BNG-Asembleas Abertas contra a corrupción. Somos a garantía da loita sen cuartel contra a corrupción, no presente e no futuro, garantía dunha xestión limpa, honesta onde os intereses dos veciños e veciñas están por riba dos intereses das empresas que conforma a rede clientelar do PP, argumentou.
O dirixente nacionalista fixo fincapé na incorporación de independentes nas listas municipais das grandes cidades, porque estamos empeñados en facer das candidaturas BNG-Asembleas Abertas o referente de toda esa cidadanía rebelde que quere construír país desde os concellos.
Concorremos cunha oferta transformadora, queremos liderar os gobernos locais desde unha visión de país porque non creemos nunha visión cantonalista de concellos como entes separados, senón pezas de conxunto para articular un novo proxecto de país. Imos a ganar e conseguir liderar gobernos nas cidades de vilas deste país e confiamos en obter o respaldo nas urnas, salientou, e aprazou ata despois do 25M calquera outra alternativa, e sempre coa condición de conformar gobernos municipais honestos, con xente limpa, con alternativas claras para mellorar a vida da xente.
No acto de presentación en Compostela, @s cabezas de lista tomaron a palabra para salientar algún dos aspectos que consideran clave nas súas respectivas cidades, sen esquecer a perspectiva de país.
Encher as gradas dos estaleiros
Ivan Rivas subliñou a prioridade de frear o desmantelamento do sector naval de Ferrol iniciado fai trinta anos por gobernos indolentes e crueis que contaron coa complicidade de executivos locais cómplices. Serafín Otero declarou que Vigo precisa un concello que escoite á veciñanza non déspotas con complexo de Napoleón co afán de comandar delirantes cidades-estado. Aposta por políticas que enchan as gradas dos estaleiros da Ría de Vigo máis aló de cortar chapa para a propaganda, polo comercio local e por transformar os concellos en espazos de insubmisión antes os recortes, trincheiras de xustiza social.
O cabeza de lista por Lugo, Ruben Arroxo defendeu unhas infraestruturas ferroviarias propias do século XXI e non dun libro de historia, e lamentou a estafa a unha xeración de mozos e mozas a que pertence, que tras ser formados en lugar de aportar o noso traballo e coñecemento a este país, facémolo en Alemaña.
Vivo e traballo en Ourense sen ser do PP, subliñou Susana García, para visualizar o control que o clan Baltar, décadas de mando popular que lle ten costado moi caro á cidade das burgas e ao conxunto da provincia. Salientou como prioritario contar con políticas que impulsen o potencial do sector primario con industrias de transformación e comercialización, e reclamou para Galiza rural a mesma calidade de vida e de servizos que o resto do país.
Miguel Anxo Fernández Lores destacou que o BNG aposta por cidades feitas para as persoas, como se comproba na Pontevedra que ven de ser galardoada co premio Habitat. O espazo público debe ser a continuidade da propia vivenda, con prazas e rúas de calidade que permitan aos nenos ir andando á escola, que permita florecer o comercio local e os centros das cidades. É posible, só hai que votar ao BNG, salientou.
Ruben Cela puxo Santiago como exemplo dos efectos nefastos do PP, e avogou por unha revolución democrática. O 25M máis que pasar páxina, hai que cambiar de libro, con concellos con paredes de cristal, e poñer fin á corrupción, grande ou pequena. A candidatura BNG-Asembleas Abertas será garantía de tolerancia cero cos corruptos, sen especulacións nin pelotazos urbanísticos, sen desafiuzamentos, onde as persoas sexan o primeiro.
Xosé Manuel Carril subliñou o alto risco de pretender gobernar para a xente. Ser nacionalista e cuestionar as políticas do PP implica porrazos, sancións e denuncias nos tribunais. Entre as prioridades de BNG-Asembleas Abertas na Coruña, os servizos sociais para acabar coa exclusión de calquera tipo, algo que só pode vir apostando por servizos públicos de calidade fronte a interesada privatización que propugna o PP. Igualmente, considerou fundamental a defensa da nosa lingua e da cultura que non poden sexan foráneas na súa propia terra.