A UE deixa en papel mollado o investimento en cota leiteira. @obloque pide compensacións para Galiza

Os criterios de reparto dos fondos europeos procedentes da Política Agraria Común (PAC) impostos polo ministro Miguel Arias Cañete, e asumidos pola Xunta, teñen como consecuencia que sector agrogandeiro galego perde 308 millóns de euro, xa que Galiza recibirá o 3,2% do total das axudas que chegan desde Bruxelas, pese a que o sector galego aporta o 6% da produción agraria total e ten o 16% dos gandeiros e agricultores de todo o Estado.

A PAC, ademais, suprime as cotas leiteiras a partir de maio de 2015, deixando sen valor o investimento realizado polos gandeiros para comprar unha cota que agora queda sen valor, na que investiron 200 millóns de euros ao longo dos últimos anos. Galiza ten 350.000 vacas leiteiras das 800.000 que hai no Estado, un 48%.

“Moitas das nosas explotacións teñen un alto endebedamento precisamente para comprar cota leiteira e adaptarse a un sistema que desaparece, e desde o BNG demandamos un fondo que compense aos gandeiros galegos que fixeron investimentos en adquirir unha cota que agora queda en papel mollado”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, que coa candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, visitou unha explotación gandeira no Concello de Rodeiro.

O dirixente do Bloque foi claro ao salientar que se o Estado español aplicase os criterios de Francia, “o sector leiteiro obtería o dobre de recursos cos que ten agora pola submisión de Feijóo aos criterios de Madrid que favorecen á agricultura doutras partes do Estado en detrimento de Galiza”.

O BNG continúa coa súa ronda de contactos cos sectores produtivos máis afectados polas políticas da UE para conformar o programa electoral de cara aos comicios electorais do 25 de maio, neste caso cunha xornada sobre a situación do sector agrogandeiro na comarca do Deza.

890 millóns de euros

Vence considera fundamental “dinamizar o rural” e, neste sentido, reclamou á Xunta que elabore canto antes o Plan de Desenvolvemento Rural que xestionará 890 millóns de euros, en base a tres requisitos.

Primeiro, que sexa pactado co sector e con todas as forzas políticas no Parlamento, que os recursos se destinen a promover a transformación do produto coa creación de pequenas empresas “para dar valor engadido aos produtos e incrementar as rendas dos gandeiros e agricultores”. Finalmente, que os recursos a mobilizar terra improdutiva “para dar maior dimensións ás explotacións e tamén para preservar o territorio rural porque unha medida deste tipo permitiría unha loita máis eficaz contra o lume”, argumento Vence.

O portavoz nacional fixo fincapé na defensa do sector agrogandeiro realizada pola BNG no Parlamento europeo a través da candidata nacionalista, Ana Miranda, “e iso é un feito que recoñecen e aprecian os galegos e galegas que teñen a oportunidade de volver a elixir a papeleta do Bloque que encabezada de novo Ana Miranda o 25 de maio”, concluíu.