Tod@s somos elas cando se trata de visibilizar e de combater a violencia machista

Baixo o lema Tod@s contra a violencia de xénero, o BNG presentou a campaña de cara ao Día internacional contra a violencia machista o 25 de novembro con dous obxectivos: visibilizar o problema e seguir avanzando en concienciar á sociedade na tolerancia cero contra esta lacra.

Neste sentido, o Bloque lanza unha campaña nas redes sociais, con vídeo incluído (http://www.youtube.com/watch?v=u5kV9yIUNbU), co argumento Tod@s somos elas, convidando a variar a foto de perfil no twiter e no facebook por outra na que se use como símbolo un ollo pintado de bermello ou negro, e mesmo a realizar nas redes calquera outra acción reivindicativa ou de denuncia. A campaña complétase con mocións en todos os concellos, conferencias e actos en todo o país.

Ademais de visibilizar e concienciar sobre este problema social, a portavoz parlamentar do BNG en Igualdade, Carme Adán, presentou catro propostas concretas da formación nacionalista para combater a violencia machista, no ámbito económico, sanitario e xudicial.

Aumentar as axudas ás mulleres maltratadas, -o denominado salario da liberdade-, de 12 a 18 meses prorrogable ata 24 meses, medidas específicas no ámbito da formación e do emprego que facilite o acceso a un posto de traballo a este colectivo, asistencia psicolóxica ás vítimas desde a sanidade pública e, por último, xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades.

“En termos económicos, incrementar as axudas suporía entre 800.000 e 1 millón de euros, o que dentro do orzamento global da Xunta non son cartos tendo en conta ademais os obxectivos, porque moitas mulleres non abandonan a convivencia con maltratador por razóns económicas”, explica Carme Adán.

A deputada criticou os recortes continuados en política de igualdade a razón de 25 millóns de euros anuais, 125 millóns de euros menos desde que Feijóo preside o Executivo, “cando investir en políticas de igualdade é outra forma de loitar contra a violencia machista”, salientou. Ademais demandou o desenvolvemento da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero aprobada en 2007, que o Goberno do PP está a ignorar en moitos dos puntos que implican medidas concretas para combater este problema, que só no que vai de ano custolle a vida a 44 mulleres.

Esta campaña específica con motivo do 25N, “non esgota o traballo do BNG, que non limita a loita contra a un día concreto, senón que desenvolve unha acción política e social permanente que nos ten que implicar a todos e todas, homes e mulleres, que nin practicamos, nin consentimos a violencia machista”, subliñou a responsable de Política Municipal, Goretti Sanmartín.