Solidariedade do BNG cos sindicalistas da CIG xulgados por defender á xente traballadora
O BNG quixo patentizar o seu apoio e solidariedade aos sindicalistas da CIG Antolín Alcántara e Vítor García que na mañá deste xoves se submetían nos Xulgados de Vigo a un novo xuízo con peticións de penas de cadea de até 5 anos de cadea.
Estamos no mundo ao revés. Xúlgase a sindicalistas por defenderen os dereitos das traballadoras e dos traballadores mentres os responsábeis da desfeita, os que provocaron o paro de millóns de persoas e o descenso dos salarios, están tranquilamente na casa logo de cobraren indemnizacións multimillonarias, denunciou o portavoz nacional, Guillerme Vázquez no seu encontro cos meios de comunicación previo ao comezo do xuízo.
Estamos no mundo ao revés: os sindicalistas, a xuízo; e os financeiros, na casa e con indemnizacións multimillonarias, denuncia Guillerme
Canda o líder do BNG estiveron tamén na concentración solidaria perante os Xulgados de Vigo Montse Prado, secretaria de Organización; Henrique Viéitez, deputado no Parlamento Galego; Santi Domínguez, portavoz do grupo municipal nacionalista; ben como Manuela Rodríguez e Miguel Pérez, responsábeis comarcal e local do BNG, respectivamente.
Acha Guillerme que isto non pode seguir así. Non podemos continuar pola vía de que se reprima aos que defenden os dereitos dos traballadores, dixo, ao tempo que alertou contra a onda represiva xeral que sofre o conxunto da sociedade. Canto máis se agrava a incompetencia dos gobernos perante a crise, máis se agrava a represión, analisou. Xa queimar un contenedor elévase á categoría de reforma do Código Penal, reprobou.
Unha democracia minimamente avanzada non pode aceitar que se condene a prisión a persoas que loitan polo benestar colectivo. Os que si deberían ir a cadea son aqueles que provocaron a desfeita e a redución dos salarios da maioría para eles, en cambio, viviren cada día mellor.