Soberanía para Galiza, como alternativa a unha Constitución española esgotada e moribunda
O BNG proclama que nada hai que celebrar no 36 aniversario da Constitución española- esgotada e moribunda-, e converte esta data nunha día de reivindicación do dereito de Galiza a avanzar cara o súa soberanía para contar coas mellores ferramentas para sacar o país adiante.
É unha constitución que esgotou todas as súas posibilidades, esganada a mans daqueles que defenden un proxecto ultracentalista, unha constitución moribunda que non é capaz de dar resposta nin ás aspiracións dos pobos do Estado español, nin de resolver os graves problemas que padece a cidadanía, sentenciou o portavoz nacional, Xavier Vence.
Onde van os dereitos sociais ao traballo e a vivenda, ou mesmo dereito a saúde pública cuestionado polas privatizacións, que queda do proclamado sistema fiscal progresivo cando o 80% da recadación procede da clase traballadora?, denuncia Vence na súa intervención no acto reivindicativo na compostelán praza de San Clemente. A exclusión laboral e a pobreza rampante son actas de denuncia da letra morta da Constitución, conclúe.
Timoratas promesas
Papel mollado tamén as timoratas promesas de descentralización para as nacionalidades históricas. Mesmo as competencias recollidas no Estatuto foron desactivadas e baleiradas de contido, cun Estado que practica a invasión sistemática de competencias nunha estratexia de recentralización que mata o autogoberno, denunciou, todo coa complicidade traidora do mercenario amoral de Monte Pio.
Temos moitas razóns para rexeitar un réxime constitucional dexenerado e corrompido, que utiliza a Constitución para espoliar e negar a existencia de Galiza como nación.
Polo tanto, non é un día de celebración senón de reivindicación para un país que como Galiza, está sufrindo as consecuencias da degradación dun marco constitucional que acurrala o noso autogoberno e nos priva cada vez de máis competencias imprescindibles para o noso desenvolvemento, para a recuperación da economía e do emprego e tamén para a revitalización da democracia.
Vence subliñou que Galiza é un país con grandes potencialidades pero precisa outro marco que permita sacar adiante o país e revitalizar a democracia. Agora, a representación popular está sometida aos ditados dos grandes mercados, das grandes empresas, dos grandes lobbies.
Como síntoma desta situación de sometemento, a corrupción, expresión dese asolagamento do poder económico que captura as institucións e os grandes partidos políticos. En consecuencia, conclúe Vence, é o momento de pasar páxina e de pasar a outro escenario onde Galiza teña instrumentos e ferramentas para poder tomar decisións e sacar o país adiante, que son as que proporciona a soberanía.
Constitución da República galega
Nun acto celebrado na compostelán praza de San Clemente, o BNG simbolizou a ruptura de varias artigos da Constitución española herdeira do franquismo, e a súa substitución por unha redacción alternativa de artigos que formarían parte da constitución da república galega, da man de candidatos e candidatas ás eleccións municipais de maio nas grandes cidades.
O artigo 2º, que proclama a indisoluble unidade da nación española é substituído por outro que proclama a Galiza como estado baixo a fórmula de república democrática popular. O artigo 3º que consagra a supremacía do castelán, cede o lugar a un novo texto no que o galego pasa a ser o idioma propio de Galiza con toda as garantías.
O artigo 8º que define o papel das forza armadas, pasaría nesa constitución galega a proclamar Galiza territorio libre do exercito español a cambio dunhas relacións internacionais en pé de igualdade entre os pobos. O artigo 56 que consagra a monarquía, pasa a declarar a república, excluíndo privilexios por razón de sangue.
Tamén foi incluído o artigo 135, produto do pacto PP-PSOE para modificar a Constitución e sacralizar os obxectivos de déficit en detrimento do benestar social. A prioridade absoluta do Goberno da Galiza é erradicar calquera caste de desigualdade social ou xénero, se replica. Por último, o artigo 149 que recolle as abondosas competencias exclusivas do Estado, é substituído por un artigo no que se establece a libre capacidade de decisión de Galiza para atender as necesidades do seu pobo.
No acto, ademais do portavoz nacional, participaron os candidatos e candidatas nos comicios de Maio. Ruben Cela (Santiago), quen arrancou subliñando que a do 78 é a Constitución dos herdeiros do franquismo reconvertidos a demócratas de toda a vida, pero tamén é a Constitución do PSOE, do PCE, dos sindicatos estatais e de moitos que hoxe se apuntan a un rupturismo de tertulia.
O BNG non discute o dereito de Galiza a ser unha nación, porque o é. Reclama os dereitos que lle son inherentes polo feito de selo, alegou.
No acto tamén interviron Avia Veira (A Coruña), Iván Rivas (Ferrol), Anabel Gulías (Pontevedra), Ruben Arroxo (Lugo), Susana García (Ourense), Serafín Otero (Vigo), e a militante de Galiza Nova, Lucía Vecino.