A sentenza bananeira manda unha mensaxe de impunidade para contaminar a nosa costa
O BNG presentará mocións en todos os concellos en contra deste prestige xudicial e apoia as convocatorias de protesta de Nunca Máis
Reclama competencias e medios en seguridade marítima porque Galiza segue igual de indefensa ante unha catástrofe ambiental
A sentenza é propia dunha lexislación bananeira e lanza unha mensaxe de impunidade para contaminar a nosa costa. Ven a dicirlle ás empresas armadoras e petroleiras que poden contaminar que non terá consecuencias, denuncia Vence, quen a compara coa resolución da Corte Superior de EEUU á petroleira Exxon Mobile polo verquido do Exxon Valdez, cunha sanción de 366 millóns de , ou a recentísima sentenza da Corte Nacional de Ecuador contra a petroleira Chevron, á que sanciona con 6.400 millóns de euros para indemnizacións.
En ambos casos por desastres ambientais menores co provocado polo Prestige no noso litoral, indicou.
O dirixente nacionalista considera un despropósito xurídico que ninguén pague por uns feitos tan graves, nin a armadora, nin a petroleira, nin a aseguradora, nin a camarilla do PP que contribuíu a agrandar a catástrofe, todos se van de rosiñas, denuncia Vence. A única que pagou foi Galiza, asumindo as consecuencias ambientais e económicas da catástrofe.
Deficiente instrución
Vence criticou que a deficiente lexislación española para afrontar a catástrofe, se sumou un proceso de instrución teledirixido polo Goberno e polo PP, trufado de irregularidades con continuos cambios nos responsables de levar a cabo a instrución e o feito premeditado de deixar un caso de tal complexidade e magnitude no Xulgado de Corcubión con apenas medios.
A sentenza responde aos intereses do poder político, arrastra unha deliberada deficiente instrución e ten como obxectivo salvar a camariña do PP que estaba e segue a estar no poder, conclúe.
Está Galiza máis preparada?
Vence anunciou que o BNG vai presentar mocións en todos os concellos para rexeitar o resultado da sentenza, e iniciativas no Parlamento e no Congreso para reclamar as competencias e medios en seguridade marítima, porque a nosa costa segue igual de indefensa, se hoxe tivésemos outro verquido de 76.000 toneladas de chapapote.
O Bloque apoiará as concentracións de protesta convocadas pola Plataforma Nunca Máis en distintas cidades e vilas do país, como xesto para manter a dignidade ante unha sentenza que supón unha afronta a todos os galegos e galegas e aos que viñeron de fora de Galiza e puxeron ánima e mans para loitar contra o chapapote.