A reforma fiscal que prepara o PP é regresiva no social e mingua os ingresos de Galiza
Os datos estatísticos, neste caso a Enquisa de Condicións de Vida do INE, desmontan a imaxe de propaganda da recuperación económica da Xunta, á que os galegos e galegas contestan cun suspenso ao manifestar que están peor ca media estatal en relación á situación económica xeral, en materia laboral, en termos de vivenda e, ademais, encabezan a lista de desconfianza coas institucións, en particular co Goberno.
O portavoz nacional, Xavier Vence, critica que como resposta Núñez Feijóo se limite a presumir de recortes sen un plan económico e social para o país e persista na submisión e seguidismo a estratexia centralista do PP, empeñado en ser un presidente que quere xogar na segunda división renunciando a que Galiza continúe a formar parte das nacionalidades históricas e avance cara unha maior soberanía á par que Euskadi e Catalunya.
Como última proba de que Feijóo preside un Goberno que non está a altura do país, o silencio do presidente da Xunta ante a proposta de reforma fiscal avanzada polo ministro de Facenda, Cristobal Montoro.
A reforma fiscal é regresiva no social porque só beneficia ás rendas altas e ás grandes empresas e ataca as competencias das Comunidades Autónomas que verán minguados os seus ingresos e, polo tanto, a capacidade para financiar os servizos públicos que son sanidade, educación e servizos sociais, sintetizou Vence, quen explicou que a maioría social perde coa reforma fiscal do PP por unha dobre vía.
Primeiro, porque a redución de impostos é moi importante para os grandes patrimonios e fortunas, -particulares e empresariais-, e apenas simbólico para a inmensa maioría social que vive dun salario. Segundo, porque ao recortar os ingresos das CCAA, reduce a capacidade de financiar os servizos públicos que se traducirá en peor sanidade, educación e prestacións sociais básicas.
E mentres isto pasa, Feijóo cala, critica o portavoz nacional, pese a que a reforma fiscal supón unha clara inxerencia en competencias autonómicas posto que o Goberno central fixa unilateralmente criterios sobre impostos compartidos que implican recortar ingresos para as CCAA. Galiza non pode seguir perdendo posicións no taboleiro do Estado, insiste Vence.
Balanza fiscal
En relación ao financiamento territorial que será pronto obxecto de debate, ademais da inxerencia que xa supón a reforma fiscal de Montoro, o portavoz nacional adiantou que o Bloque ultima un informe sobre a balanza fiscal de Galiza que, avanzou, reflexa un diferencial en contra da facenda galega que, con datos de 2011, supera os 3.000 millóns de euros.
Unha información, a das balanzas fiscais, que será clave á hora de renegociar o futuro sistema de financiamento territorial.