A Reforma do Aborto de Gallardón non afecta só ás Mulleres, afecta a toda a sociedade
Xavier Vence denuncia que a Reforma de Gallardón "é a lei da crueldade, coloca ás mulleres en sospeita e baixo tutela, sométeas a un auténtico calvario de atrancos e presións e convértese nunha tortura para unha muller nunha situación especialmente fráxil
Coa reforma do aborto impulsada por Gallardón, engadiu, o PP arrógase o poder de decidir das mulleres e contra as mulleres denunciou hoxe o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.
Vence compareceu ante os medios de comunicación acompañado da deputada e responsábel de política de Igualdade, Carme Adán e Saleta Chao, responsábel de Accións Feminista da Executiva onde anunciou o inicio dunha campaña do BNG a nivel institucional e social contra a reforma da lei do aborto.
O BNG dixo, vai segur batallando por conservar o dereito das mulleres a interromper o embarazo na Sanidade pública, en condicións dignas e que garanta a súa calidade de vida. Entre tod@s, imos vencer a esta "dereita reaccionaria", sentenciou.
O PP e Conferencia Episcopal non poden decidir polas mulleres
Na súa intervención, o portavoz do BNG censurou que o PP decida polas mulleres e contra as mulleres, o PP, dixo, está poñendo en práctica o proxecto que a estrema dereita sempre soñou: liberalismo total para os ricos e oligopolios, represión d@s traballador@s e máis humildes, centralismo do Estado e ataque a Galiza, e agora,engadiu, integrismo moral e relixioso á dereita do Vaticano.
Para o voceiro do BNG, a reforma da lei do aborto convértea nunha lei integrista, regresiva e lonxe de Europa que mostra un claro retroceso e a verdadeira cara do Partido popular.
Pola súa parte, a responsábel de Acción Feminista, Saleta Chao anunciou que o BNG iniciará unha campaña de resposta á reforma nas institucións e a pé de rúa contra unha reforma que invalidada o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo.
A reforma insulta ás mulleres, rouba os seus dereitos e conquistas pola igualdade
A deputada Carme Adán incidiu na necesidade de rexeitar un dos maiores retrocesos no ámbito da Igualdade e nos dereitos das mulleres. Eu como muller, afirmou, síntome insultada e que me están a roubar os meus dereitos e os das miñas fillas así ao resto das mulleres.
Adán denunciou a hipocrisía do Partido popular cando se rexistran os peores datos de pobreza infantil dos últimos anos, soben as taxas das escolas infantís e cando se están a poñer máis atrancos que nunca a unha maternidade e paternidade libre, o PP leva adiante a consumación dun proxecto de lei trufada de requisitos e trabas para que as mulleres exerzan o seu dereito a unha maternidade libre e a interrupción voluntaria dun embarazo.
A secretaría xeral cómplice da criminalización das mulleres
A nacionalista demandou da Secretaria Xeral de Igualdade do Goberno galego que non sexa cómplice, abandone o seu silencio e rexeite unha norma que representa a criminalización de todas as mulleres.
A deputada cuestionou que a decisión dunha muller para abortar só competa aos médicos con dous informes e sometendo a muller a unha tortura de sete días antes de plantexar a interrupción de maneira definitiva.
Finalmente, a parlamentaria fixo un chamamento aos homes do Partido popular, ao Presidente da Xunta e ao ministro de Xustiza para que reconsideren a súa decisión e tomen nota das chamadas de atención de algúns países de Europa que mostran a súa sorpresa ante unha reforma retrograda e concibida pola cúpula da Conferencia Episcopal.
Queremos educación afectivo sexual, igualdade, liberdade para as mulleres, prevención e sobre todo respecto aos dereitos reprodutivos e por iso , concluíu, o BNG presentará mocións en todos os concellos e o Parlamento galego co fin de frear esta norma.