Rajoy negocia poder solicitar o rescate logo do 21-O
Jorquera denunciou que até os medios de comunicación extranxeiros, como o New York Times, se fan eco de que Rajoy está negociando pospoñer a solicitude do segundo rescate até despois do 21 de Outubro.
O PP está negociando -dixo- para que Feijóo poida concorrer a estas eleccións ocultando o seu programa e vendendo unha solvencia que non é tal.
Cadrar o défice
Neste sentido, criticou os artificios financeiros que está a facer para cadrar os dados do défice, pechando en Setembro os orzamentos. Mais aínda así Galiza é a sexta Comunidade co défice máis elevado e multiplicou a súa débeda por dous puntos e medio.
Para Jorquera, é sintomático que Feijóo agora queira fuxir de Rajoy cando durante toda a lexislatura foi o seu fiel escudeiro, exerceu de delegado do Goberno en Galiza e non dun verdadeiro presidente da Xunta que prime os intereses do País e denuncie a invasión das súas competencias.
Que se entere Feijóo, ou Nova Galicia Banco se transforma en banco público ou o aforro dos galegos será espoliado
O candidato nacionalista reiterou que se Feijóo quere que se lle avalíe polo seu balance vaise atopar cunha nota máis que deficiente, pois a herdanza que deixa non pode ser peor para Galiza e el será lembrado como o campión das promesas incumpridas.
Nova Galicia Banco
Jorquera insistiu en que Feijóo fracasou en todo e fixo especial fincapé en como a súa xestión puxo ás entidades de crédito galegas ao borde da desaparición, malia que el o negue.
Pois que se entere o señor Feijóo, ou Nova Galicia Banco se transforma en banco público ou o aforro galego será espoliado como está sendo espoliado tamén o aforro dos milleiros de afectados pola fraude das preferentes.
Neste contexto, o candidato nacionalista explicou que cómpre abrir un novo tempo político, de políticas alternativas que planten cara á dereita e digan non á marea negra da mentira e o desprezo polo País que representa o goberno do PP.
Políticas que aposten polos nosos sectores productivos, pola soberanía e pola defensa dos servizos públicos. O próximo 21 de Outubro unha marea de esperanza percorrerá Galiza en defensa dunha sociedade máis xusta e máis libre, unha marea que abrirá un novo tempo político da man do BNG.
Ana Pontón
Pola súa parte, a número dous pola provincia, Ana Pontón, coincidiu con Jorquera en que Feijóo deixa un balance demoledor dos seus máis de tres anos no goberno e centrou a súa intervención a ofensiva ideolóxica que emprendeu o PP todo este tempo aproveitando a crise.
Para Pontón, Feijóo practicou unha política de auténtica demolición das políticas de igualdade para poñelas ao servizo do Opus Dei, como se pode comprobar con leis como a da Red Madre ou a de Familia, que nós comprometémonos a derrogar logo do 21-0.
Ana Luisa Bouza, número tres pola provincia, salientou o papel da militancia rebelde e plural do BNG á hora de elaborar unhas listas feitas entre todos e non nun despacho, compostas por homes e mulleres que, como pensaba Curros, temos claro que a resignación non dá de comer, por iso o 21-0 nos rebelaremos democraticamente contra as políticas da dereita, que só traen consigo máis crise e máis inxustiza social.