Rajoy e Feijóo deben deixar de facer electoralismo coa recuperación do Códice Calixtino
O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou esta mañá a Rajoy e a Feijóo a que adiquen os seus esforzos a mellorar a custodia dos bens do patrimonio galego en vez de a actos propagandísticos e partidistas como a entrega mañá do Códice Calixtino que vai realizar Rajoy en Santiago.
Jorquera, en declaracións aos medios antes de participar nun acto do BNG en Vigo, dentro da campaña do 25 de Xullo, lembrou que a Xunta ten competencias en materia de patrimonio mais o roubo do Códice e todas as circunstancias que o rodean demostran que non as exerceu, pois non existían as máis mínimas e elementais medidas de seguridade para protexer esta obra.
É inaudito que un presidente dun goberno veña facer entrega dunha peza sustraída, neste caso dunha obra de arte, unha vez recuperada pola policía
Declaracións ofensivas
Para o candidato nacionalista, os gobernos do PP deben centrarse, por tanto, en garantir esta proteción e tamén en corrixir actitudes totalmente ofensivas para os galegos e galegas como as das desafortunadas declaracións do xefe da Unidade de vixíanza de delictos especiais.
As súas palabras engadiu- raian no nazismo, na xenofobia e no autoodio, pois foron feitas por unha persoa que precisamente é galega, que reproduce todos os estereotipos, prexuízos e arquetipos que existen sobre o xeito de ser dos galegos.
Este tipo de feitos, asegurou Jorquera, requiren da adopción de medidas por parte do goberno do Estado para que non se volvan repetir declaracións deste tipo.
Campaña do 25 de Xullo
Por outra parte, sobre o acto celebrado en Vigo, explicou que tiña a ver coa campaña do BNG para chamar a unha movilización masiva o 25 de Xullo e presentar as alternativas nacionalistas á crise económica, alternativas que poñen os intereses das persoas e da sociedade por diante dos grandes poderes económicos.
O candidato á Xunta explicou nun acto ao aire libre no barrio do Calvario que é posíbel facer outras políticas diferentes ás que está executando o PP: As políticas que defende o BNG, dixo, e puxo como exemplo a loita contra o escandaloso volume de fraude fiscal, unha medida coa que asegurou que se podería evitar a suba do IVE.
Alcalde de Portas
Jorquera lamentou que o PP prefira amnistiar aos defraudadores en vez de optar por este tipo de medidas e que se inhiba ante casos flagrantes de fraude como o do alcalde de Portas.
Neste sentido, advertiu que Feijóo tiña que asumir as súas responsabilidades e esixir ao rexidor que deixe o seu cargo, mais preferiu facer un paripé, pedirlle que se dea de baixa do Partido Popular para permitir que siga ao frente da alcaldía.
O candidato do BNG concluiu reivindicando o dereito dos galegos e galegas a ter gobernantes honrados, a que os seus concellos non estean rexidos por defraudadores de facenda, por persoas que non están cumprindo coas súas obrigas legais e co conxunto dos cidadáns aos que representan.