"Rajoy elixe a obediencia a Merkel, o BNG elixe a rebelión e as políticas alternativas"
O portavoz nacional saiu ao paso das declaracións realizadas este mércores no Congreso polo presidente do Goberno español, Mariano Rajoy.
Rajoy dixo que o seu goberno se vira obrigado a elixir entre o mal e o mal pior.
"Rajoy quérenos convencer de que fai a única política posíbel, aínda que non goste dela. Rajoy minte. Claro que pode facer outra política, outra cousa é que non a queira facer. E si pode elixir. Pode elixir entre a obediencia ás políticas que lle dita Alemaña ou a rebelión en defensa doutras políticas distintas", afirmou o portavoz nacional nun encontro cos meios de comunicación celebrado logo de manter unha reunión de traballo con cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca de Vigo.
A política do PP: inxusta, moral e inútil
Guillerme cualificou a política do PP de "inxusta, inmoral e inútil" e argumentou que a dereita fai cargar todo o peso da saída da crise sobre as rendas medias e baixas, mentres decreta unha sorte de vacación fiscal, amnistía incluída, para os ricos.
E o pior de todo é que os recortes non servirán para nada máis que para agravar a recesión e incrementar o sufrimento social en forma de deterioro nas prestacións públicas e destrución de miles de postos de traballo.
"Os recortes de Rajoy non solucionarán nada, como tampouco solucionaron nada os recortes de Zapatero. Son políticas inútiles, políticas que hai que cambiar de raíz", enfatizou.
A chave, a oposición social
A chave para forzar un cambio nesas políticas pasa por que a sociedade se mobilice e exprese con clareza e de forma masiva a súa oposición.
É por isto que Guillerme chamou a secundar masivamente as manifestacións convocadas para este xoves polos sindicatos (nas cidades galegas, apartir das 20 horas) e singularmente a grande manifestación nacional que o BNG convoca o 25 de Xullo co motivo do Día da Patria Galega.
"Estamos firmemente decididos a erguermos unha alternativa nacionalista e de esquerdas á salvaxe política do PP", dixo o portavoz nacional.
"Seica anda polo Brasil negociando non se sabe que con Repsol"
Tamén dirixiu críticas ao presidente da Xunta, de quen dixo que sempre foxe cando ten que asumir as súas responsabilidades. "Seica anda polo Brasil negociando non se sabe que con Repsol", ironizou.
Interpelado por un xornalista no sentido de que Feijóo argumenta que Galiza vai ter de facer menos recortes do que outros territorios porque supostamente xa fixo os deberes, Guillerme repuxo que "sempre hai unha enorme diferenza entre a Galiza oficial da que fala o señor Feijóo e a Galiza real, a Galiza que existe".
"Na Galiza real o que hai é un récord histórico de paro, o retorno da emigración como fenómeno masivo, nomeadamente entre mozas e mozos cualificados, e unha moi preocupante caída demográfica. Todos eses son problemas reais dos que o señor Feijóo nin sabe nin contesta", aduciu Guillerme.