As propostas dos sectores produtivos e sociais toman o Parlamento, convidados polo BNG
Francisco Jorquera amosa a súa satisfacción pola grande diversidade de colectivos asistentes á xornada convocada polo Grupo parlamentario do BNG baixo o lema: Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera salientou o alto grado de asistencia e participación á xornada convocada polo BNG, en sede parlamentar, baixo o lema: Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos, na que serán analizados os problemas reais dos colectivos sociais e culturais e sectores produtivos diversos.
Contra a Televisión de plasma e realidade virtual do Partido popular
Jorquera manifestou que a gran asistencia á convocatoria corrobora que a xente desexa expresarse e participar polo que recalcou que é fundamental que os debates no Parlamento galego reflictan as demandas e problemas reais da sociedade fronte a esa televisión de plasma para vender un mundo virtual á que nos ten acostumad@s a Xunta de Galiza e o seu presidente Fijóo.
Escoitando a opinión dos representantes do sector industrial, agrario,pesqueiro, colectivos da sanidade e ensino público, colectivos na defensa das mulleres e da ecoloxía, resulta evidente, dixo, que esa realidade virtual non se corresponde coa realidade que todos os días palpan os cidadáns.
Galiza está vivindo unha auténtica situación de emerxencia social e nacional froito de políticas inxustas que utilizaron a crise como pretexto para enriquecer unha minoría e empobrecer a inmensa maioría da sociedade e por un goberno que acepta ser cómplice da submisión do noso país.
Ao longo da mañá serán analizados por diferentes grupos de traballo, a destrución dos sectores produtivos básicos, a grave situación demográfica, a emigración xuvenil, o deterioro do ensino e a cultura así como diferentes problemáticas sociais.
Jorquera lembrou que a xornada: Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos, é unha aposta por un cambio de marco que dote ao pobo galego de capacidade de decidir sobre os seus asuntos, como ferramenta para defender o progreso e benestar.