Propostas do BNG: Fondo de compensación para o sector lácteo e plan de desenvolvemento rural de país
Feijóo acepta que o sector perda 308 millóns de euros para o desenvolvemento rural sen cuestionar uns criterios que perpetúan un status quo que discrimina ao campo galego na distribución das axudas da PAC, criticou o portavoz nacional, Xavier Vence, no acto sectorial de Agricultura no Concello lugués de Castro de Rei, dentro da rolda de contactos directos do BNG cos sectores produtivos de cara á elaboración do programa electoral ás europeas, iniciados co sector pesqueiro o pasado sábado na Illa de Arousa.
Neste escenario, o dirixente nacionalista salienta que o sector agrogandeiro galego perdeu 11.700 empregos co actual goberno do PP na Xunta, sen que haxa alternativa de emprego para o medio rural noutros sectores. Vence foi claro ao salientar que se o Estado español aplicase os criterios de Francia, o sector leiteiro obtería o dobre de recursos cos que ten agora pola submisión de Feijóo aos criterios de Madrid que favorecen á agricultura doutras partes do Estado en detrimento de Galiza.
Vence reclamou á Xunta que elabore canto antes o Plan de Desenvolvemento Rural que xestionará 890 millóns de euros, en base a tres requisitos. Primero, que sexa pactado co sector e con todas as forzas políticas no Parlamento, porque o obxectivo é acadar un plan de país, subliñou Vence.
En segundo lugar, que os recursos se destinen a promover a transformación do produto coa creación de pequenas empresas para dar valor engadido aos produtos e incrementar as rendas dos gandeiros e agricultores. En terceiro lugar, destinar recursos a mobilizar terra improdutiva para dar maior dimensións ás explotacións e tamén para preservar o territorio rural porque unha medida deste tipo permitiría unha loita máis eficaz contra o lume, argumento Vence.
Escenario dunha Galiza sen cotas leiteiras
Vence tamén chamou a atención sobre o actual sistema de cotas lácteas,que expira en maio de 2015, onde a liberalización será total, co risco conseguinte de que entre leite excedente doutros países europeos (Francia, Holanda) máis barato, o que tiraría os prezo.
A isto hai que engadir o alto endebedamento das explotacións galegas, precisamente para comprar cota leiteira e adaptarse a un sistema que desaparece polo que o Estado español destinará anualmente 94 millóns de euros para o sector lácteo, que o Bloque propón que dese fondo se compense aos gandeiros galegos que fixeron investimentos en adquirir unha cota que agora queda en papel mollado.
Galiza ten 350.000 vacas leiteiras das 800.000 que hai no Estado, un 48%.
No acto, Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo, salienta o traballo realizado na Eurocámara, dándolle voz ao sector agrogandeiro galego, defendendo unha definición de agricultor activo que garantise que as axudas se destinen a quen realmente vive do agro e non a terratenentes e as grandes industrias alimentarias. A portavoz parlamentar de Agricultura, Tereixa Paz, foi moi crítica co papel xogado pola Xunta, desaparecida na defensa do sector, tanto durante as negociacións da PAC en Bruxelas como en Madrid.
Entre os conferenciantes que aportaron propostas para o programa electoral, o ex director xeral de Política Agraria, Antonio Oca, o profesor da USC experto no sector Bernardo Valdés ou o responsable do sindicato Fruga, Elias Somoza.